Nova

Villaverde asiste á descarga de centola na lonxa do Grove, a primeira de Galicia nestes primeiros días da campaña

1 de 2
2 de 2

Desde 2024 ata a actualidade, poxáronse nestas instalacións máis de 69.100 quilos por valor de máis de 1,3 M€

A conselleira puxo en valor o apoio da Xunta ao impulso da comercialización dos produtos pesqueiros galegos que destacan polo seu sabor e calidade únicos

Preto de 900 barcos se dedican á captura deste crustáceo na comunidade

O Grove (Pontevedra), 14 de novembro do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde,  acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, asistiu este venres á descarga de centola no Grove. A campaña de captura deste crustáceo desde as Rías Baixas ata Estaca de Bares comezou o pasado luns, polo que, a día de hoxe, o volume de descargas sitúase nos 14.000 quilos, o que supón en vendas máis de 180.000 euros.

Dun xeito máis preciso, nestes catro primeiros días, as rulas que maior actividade están a rexistrar son as situadas nas rías de Vigo, de Pontevedra e Arousa-Barbanza, sendo a grovense, con máis de 2.400 quilos, a que acumula o maior volume de descargas. Neste senso, a conselleira lembrou que, desde o 2024 ata a actualidade, se poxaron nestas instalacións uns 69.100 quilos por valor de máis de 1,3 millóns de euros.

“A lonxa do Grove destaca na comercialización desta especie tan prezada e única polo seu sabor e calidade. Desde a Xunta seguiremos apoiando e impulsando a comercialización dos produtos pesqueiros”, afirmou.

A este respecto, a titular de Mar fixo fincapé na importancia de establecer mecanismos e medidas para conseguir “un mellor e maior posicionamento no mercado dos noso peixe e marisco na súa primeira venda”. O importante -dixo- “é que á hora de comprar e por á venda os produtos, os compradores adquiren o produto polos cauces legais e valoren tamén o esforzo dos profesionais que traballan no mar. Trátase de que “entre todos actuemos de xeito responsable, preservando o recurso”, concluíu.

900 barcos

En toda Galicia son preto de novecentos os barcos autorizados pola Consellería do Mar para a captura deste crustáceo. 198 pertencen á zona de Arousa, 123 á de Pontevedra, 111 á de Muros-Noia e 106 á de Vigo.

Atendendo aos portos nos que ten maior presenza, o do Grove alberga medio cento de embarcacións, seguido do de Testal -Noia- (60), Bueu (57), Santa Uxía de Ribeira (53), Cambados (49), Cangas (42), Camariñas (35), Fisterra (29), Ferrol (26) e A Coruña (25).

Completan a relación, Burela, A Illa de Arousa, Combarro e A Guarda, cunha vintena de naves autorizadas para o miño en cada caso.

Imaxes relacionadas