Nova

A Xunta acolle o II Seminario Rexional de Galicia para asentar as bases do Plan Estratéxico da Cultura Marítima e o Turismo Azul

1 de 2
2 de 2

Esta iniciativa está enmarcada no proxecto SEALabHaus, un dos 27 proxectos aprobados no marco do Programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027 

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destaca a participación do Goberno galego nunha acción que procura “fortalecer o noso ecosistema costeiro e revitalizar as comunidades mariñeiras”

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025

A Xunta impulsa a celebración do II Seminario Rexional de Galicia para asentar as bases do Plan Estratéxico da Cultura Marítima e o Turismo Azul. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou neste encontro que dá continuidade ao traballo iniciado co Grupo de Acción Rexional, unha rede de máis de vinte entidades representativas dos ámbitos do turismo, da cultura, a arquitectura ou a formación. Estas, a súa vez, engloban a Comunidade Atlántica que agrupa a unha centena de axentes, vectores nestes campos, de Irlanda, Francia, Portugal e Canarias.

Este segundo seminario está enmarcado no proxecto SEALabHaus, un dos 27 proxectos aprobados no marco do Programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027, e tivo como obxectivo presentar os resultados do primeiro ano deste proxecto liderado pola Universidade da Coruña. Ademais, elaborouse un análise DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades) dos factores externos e internos que configuran o ecosistema do turismo azul e a súa correspondente matriz CAME (corrixir, abordar, manter e explorar) en Galicia. 

A directora xeral puxo en valor, neste encontro de carácter anual, a participación do Goberno galego nunha acción que procura “fortalecer  o noso ecosistema costeiro e revitalizar as comunidades mariñeiras”. Unha iniciativa que lidera a creación e desenvolvemento do Laboratorio Atlántico, que serve como laboratorio dixital de innovación costeira, recollendo boas prácticas, ferramentas técnicas e proxectos sostibles orientados a potenciar a acción local e a planificación territorial no litoral.

Ángeles V. Suárez subliñou que accións como esta permiten fortalecer o tecido social e económico das vilas, impulsan a sustentabilidade e reforzan os lazos de cooperación con outros territorios que comparten a mesma vocación mariñeira e atlántica. Deste xeito, “demostramos que o mar segue a ser unha fonte inesgotable de oportunidades e reivindicamos a identidade profundamente mariñeira de Galicia, que ten moito que aportar nesta transición azul do Atlántico”. 

Imaxes relacionadas