Nova

A Xunta afonda na dinamización das peixerías tradicionais a través da innovación e a adaptación ás novas tendencias de consumo

1 de 2
2 de 2

Realízanse cursos en colaboración con Fedepesca co obxectivo de introducir nestes establecementos produtos e servizos que atraian novos clientes

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica visitou a acción formativa celebrada na Praza de Abastos de Lugo, e destacou o papel das peixerías tradicionais como prescritoras dos nosos produtos pesqueiros

A formación, dirixida tanto a profesionais en activo como a alumnado de FP, xa se celebrou en Vigo e farase o vindeiro 24 de novembro en Ourense

Lugo, 17 de novembro de 2025

A Xunta afonda na dinamización das peixerías tradicionais a través da innovación e a adaptación ás novas tendencias de consumo dos produtos alimenticios en establecementos de comercio ao por menor. Para isto, o Goberno galego está realizando cursos formativos, en colaboración coa Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Peixe e Produtos Conxelados (Fedepesca), co obxectivo de dinamizar estes establecementos e reforzar o seu papel como divulgadores de calidade e saúde dos produtos pesqueiros.

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, visitou hoxe a acción formativa que se está a desenvolver na Praza de Abastos de Lugo, na que participaron 19 alumnos. Alí, subliñou o importante papel que xogan estes espazos comerciais de proximidade “como prescriptores dos nosos produtos pesqueiros”. Nesta liña, resaltou a necesidade de modernizar e innovar como camiño para dar unha resposta eficaz ás necesidades actuais das familias e ás preferencias dos consumidores nun contexto complexo marcado polo descenso progresivo do consumo dos produtos do mar.

Estas formacións, gratuítas para o alumnado, dan continuidade ás celebradas no 2024, e están dirixidas tanto a profesionais en activo como a estudantes de Formación Profesional. Así, o pasado mes de outubro realizouse un curso no mercado vigués do Progreso, no que participaron 23 persoas, e está previsto a celebración doutro o vindeiro 24 de novembro na Praza de Abastos de Ourense. Estas accións abordan aspectos como a oferta para degustacións ou novos cortes dos produtos pesqueiros, que faciliten o seu consumo, con presentacións máis atractivas e demandadas polas novas xeracións.

Cándido Rial salientou que se trata de “empregar novas ferramentas que permitan ampliar a oferta das peixerías procurando mellorar a súa competitividade”. Tamén reiterou o compromiso do Goberno galego de apoiar as peixerías tradicionais con accións como o Bono Peixe, a campaña GALICIA SABE AMAR ou selos de calidade diferenciada como PescadeRías, de onde senón?. “Unha liña de traballo que permite avanzar na promoción do consumo do peixe e mariscos galegos”, concluíu.

Imaxes relacionadas