Nova
A Xunta e Clusaga avalían as acción conxuntas destinadas a afondar na internacionalización da cadea mar-industria galega
A conselleira do Mar destaca accións formativas como o programa de Dirección de Empresas Alimentarias, o programa e I Foro Competemar ou a misión comercial a Estados Unidos e Emiratos Árabes Unidos
O Goberno galego investiu desde o pasado ano 250.000 euros nestas iniciativas, desenvolvidas en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia, que reforzan a proxección da pesca galega que rexistra cifras récord en exportacións
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro con representantes do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) para avaliar as accións conxuntas destinadas a avanzar na internacionalización da cadea mar-industria galega. No encontro tamén abordouse o posible deseño e elaboración de novas actuacións de cara ao vindeiro ano co obxectivo de facilitar ás empresas pesqueiras as ferramentas necesarias para operar en mercados internacionais emerxentes.
A responsable autonómica puxo en valor as accións executadas na presente anualidade centradas no ámbito formativo, co programa de Dirección de Empresas Alimentarias, ou o programa e I Foro Competemar, celebrado recentemente na Cidade da Cultura. A isto sumou outras como as misións comerciais directas a Estados Unidos e Emiratos Árabes Unidos, dous mercados cun gran potencial de crecemento e de especial interese para a industria da transformación da comunidade.
Nesta liña, Marta Villaverde resaltou o liderado galego na comercialización de produtos do mar a nivel global cunha tendencia á alza nas exportacións que rexistraron un novo récord alcanzando o pasado ano os 2.797 millóns de euros. A titular de Mar manifestou o compromiso do Goberno galego en apoiar a proxección exterior da cadea mar-industria a través de medidas como as realizadas en colaboración con Clusaga nas que se investiu nos últimos dous anos 250.000 euros.
A conselleira do Mar sinalou que se trata dunha das liñas estratéxicas do departamento autonómico nos orzamentos para o 2026 nun contexto moi complexo, cun descenso da demanda interna fronte ao progresivo crecemento do consumo de peixe, marisco e conservas a nivel global. Por iso a Xunta vai a continuar participando nos vindeiros anos nas principais feiras nacionais e internacionais para promocionar os produtos do mar galegos e acompañar ás empresas galegas na entrada en novos mercados.