Nova
Villaverde denuncia a contradición da comisión de reformar a política pesqueira cun recorte do 67 % aos fondos comunita-rios para pesca
Destacou o liderado de Galicia e situou como prioridade contar cun fondo específico e suficiente para atender os retos no eido marítimo-pesqueiro
Salientou a necesidade de rexionalizar a toma de decisións e adaptar as políticas á realidade do sector, sustentada no coñecemento científico e cun enfoque ecosistémico
Reuniuse coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión, Charlina Vitcheva, para reiterarlle as inquedanzas do sector galego sobre as negociacións que se están levando a cabo en Bruxelas
Barcelona, 21 de novembro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, denunciou na 53ª Asemblea Xeral da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) a actuación contraditoria da Comisión Europea que pretende reformar a Política Pesqueira Común (PPC) á vez que recorta un 67 % o fondo específico para pesca na súa proposta de novo Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034. Así, sinalou que “esta proposta do Executivo comunitario amosa un absoluto descoñecemento das necesidades do sector”, ocasionando o rexeitamento unánime na comunidade.
Marta Villaverde puxo en valor o liderado de Galicia, que preside o Grupo de Traballo de Pesca desta organización, cun papel activo no proceso de avaliación da actual PPC e trasladando ás máximas instancias nacionais e comunitarias a posición aprobada no Consello Galego de Pesca. Unha postura recollida no Decálogo Estratéxico de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da PPC e no ditame sobre a proposta de MFP e o seu impacto nos fondos dedicados á pesca.
A titular de Mar insistiu en que resulta irrenunciable a existencia dun fondo propio e independente, dotado cos recursos financeiros suficientes, para atender os principais retos actuais. Nesta liña, reclamou “unha asignación xusta e equilibrada, acorde ás singularidades do sector, co obxectivo de non poñer en risco a súa viabilidade”. No horizonte, desafíos como a remuda xeracional, a descarbonización da frota ou a protección da cadea mar-industria da competencia desleal de terceiros países, con regulacións menos exixentes en materia laboral e ambiental, reforzando a soberanía e seguridade alimentaria do continente.
A responsable autonómica salientou a necesidade de que as rexións como Galicia, altamente dependente da pesca, deban ter un papel activo na toma de decisións e “non ser relegadas a meras executoras dos fondos”. Unha maior participación que contribuiría á eficacia no desenvolvemento das políticas comunitarias que tamén deben procurar a resiliencia da pesca artesanal, a preservación do patrimonio marítimo ou o fomento da economía azul. Un modelo de coxestión sustentado no coñecemento científico e nun enfoque ecosistémico, “esencial para evitar precedentes como o veto á pesca de fondo que, agardamos, sexa rectificado”.
DG Mare
No marco deste evento, a conselleira do Mar reuniuse coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión, Charlina Vitcheva, a quen lle reiterou as inquedanzas do sector galego de cara aos desafíos de futuro e ás negociacións que se están levando a cabo en Bruxelas. No encontro tamén urxiu á responsable comunitaria a acadar unha resposta rápida e satisfactoria ao veto á pesca de fondo nas 87 zonas do Atlántico nororiental, que tanto afecta á frota pesqueira galega e que causa unhas perdas duns 216 millóns de euros anuais. Esta reunión súmase á celebrada o pasado martes na capital comunitaria co comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, na que lle fixo entrega do último ditame do Consello Galego de Pesca. Na xuntanza, puxo en valor a oposición dos principais grupos do Parlamento Europeo á proposta de MFP e reclamou unha política pesqueira que atenda de xeito equilibrado os aspectos económicos, sociais e ambientais.