Nova

Villaverde entrega a Kadis o ditame do Consello Galego de Pesca que rexeita por unanimidade a proposta do novo marco financieiro plurianual

1 de 2
2 de 2

Con esta acción, Galicia segue avanzando na suma de argumentos e no liderado, xunto ao sector, da defensa da actividade pesqueira

Villaverde cualifica de “lesiva e prexudicial para o sector” a proposta da Comisión Europea

Puxo en valor que Galicia é a principal exportadora de conservas do mar en España, unha industria clave na xeración de emprego e a seguridade alimentaria europea

Bruxelas, 18 de novembro do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, entregoulle ao comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, o Ditame que rexeita a proposta do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 anunciado a finais de xullo pola Comisión Europea, e que “desde Galicia se considera lesiva e prexudicial para o sector marítimo-pesqueiro”.

Este foi un dos asuntos abordados por Villaverde na xuntanza mantida esta tarde co responsable europeo en Bruxelas, xusto antes do encontro Desafíos da industria conserveira europea no contexto internacional actual, inaugurado por Costas Kadis e no que interviron tanto a conselleira como a patronal conserveira e da industria de transformación, Anfaco-Cytma.

Na reunión, Villaverde puxo en valor que o documento foi ratificado por todos os integrantes do Consello Galego de Pesca e que é o resultado da unidade de acción emprendida hai xa tres meses polo grupo de traballo creado ad hoc para deseñar unha folla de ruta a este respecto.

Con esta acción, Galicia segue avanzando na suma de argumentos e no liderado, xunto ao sector, da defensa da actividade pesqueira. Unha posición que tamén quedou de manifesto no Consello Consultivo de Política Pesqueira e Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, celebrado en setembro, e no que o Executivo estatal asumiu como propias o 100 % das propostas expostas con anterioridade pola Consellería do Mar, confirmando, en consecuencia, que o Goberno galego estaba no certo e que segue a ser a Administración que marca o rumbo nesta nova etapa europea cara o horizonte 2034.

Posteriormente, no acto, no que tamén interveu o comisario e Anfaco-Cytma, Villaverde destacou a aposta da industria conserveira galega polo valor engadido e o investimento en competitividade, seguridade alimentaria e sostibilidade; elementos que están a ser decisivos para soster o volume produtivo. A este respecto, a conselleira destacou que Galicia é a principal comunidade autónoma de España na exportación de conservas do mar: un 30% do volume total.

Imaxes relacionadas