Nova
Mar convoca a Comisión do Mexillón para valorar o calendario da extracción da mexilla
Atendendo aos datos científicos do CIMA, a Xunta estudará pospoñer a campaña de recolección da cría inicialmente establecida para o 1 de decembro ata comezos de xaneiro
Santiago de Compostela, 25 de novembro do 2025
A Consellería do Mar convocou para mañá, mércores, a Comisión do Mexillón, na que se valorará o calendario de extracción da mexilla. Unha acción que vai na liña dos resultados presentados a pasada semana no marco do proxecto Apromex, que forma parte do paquete de iniciativas impulsado pola Consellería para a mellorar a miticultura.
Para elo, na xuntanza, estarán presentes técnicos do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), que reiterarán os resultados obtidos co traballo de campo que realizaron. Con estes datos, e atendendo tamén a criterios socioeconómicos, procurarase adoptar unha decisión consensuada sobre o calendario da campaña da mexilla. A Xunta, atendendo aos datos científicos, estudará pospoñer, ata comezos de xaneiro, a campaña de recolección inicialmente establecida para o 1 de decembro.
Con esta reunión, a Administración autonómica busca, da man do sector, garantir que a nova campaña conte cun volume de cría suficiente para manter a produción nun sector estratéxico para Galicia, tanto polo emprego directo que xera, como pola necesidade de soster a demanda do produto nos mercados.