Nova

Mar autoriza a reapertura dos bancos marisqueiros de Boiro, A Pobra do Carmiñal, parte de Ribeira e Baiona

O Intecmar detectou nas últimas analíticas a remisión do episodio de biotoxinas lipofílicas nestas zonas produtivas

Están abertos case todos os bancos marisqueiros da ría de Arousa, salvo o correspondente á parte exterior, e a metade da ría de Vigo, permanecendo pechados os da ría de Pontevedra

Os resultados das últimas mostraxes abren a porta a posibles aperturas de polígonos de bateas na ría de Arousa

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, resolveu hoxe reabrir as zonas de produción de moluscos infaunais ARO III e ARO IV, correspondentes cos municipios coruñeses de Boiro, A Pobra do Caramiñal e parte de Ribeira, así como a zona VIG IV.1, localizada na maior parte da baía de Baiona. Esta decisión foi tomada unha vez analizados os resultados das últimas mostraxes que sinalan a remisión do episodio de toxinas lipofílicas que mantiñan prohibida a actividade extractiva nestas áreas.

Con estas aperturas, na actualidade, xa permanecen abertos case todos os bancos marisqueiros da ría de Arousa, salvo o correspondente á parte máis externa da ría, e a metade das zonas produtivas da ría de Vigo. Pola contra, continúan pechadas todas as zonas produtivas da ría de Pontevedra. No que respecta aos polígonos de bateas, polo momento, non hai cambios e mantéñense os peches vixentes. Sen embargo, os resultados das últimas mostraxes reflicten unha remisión do actual episodio por biotoxinas e abren a porta a posibles aperturas de polígonos de viveiros flotantes na ría de Arousa nos vindeiros días.

A Consellería do Mar pon en valor o traballo de control e vixilancia que realiza o Intecmar, un centro referente a nivel europeo, e o seu servizo de avisos rápidos que permite informar de xeito áxil e efectivo ao sector dos cambios detectados nas zonas produtivas. Un labor constante que se traduce en ao redor 80.000 análises anuais, a razón de 380 ao día, 6.000 informes e o envío de máis de 20.000 notificacións. Todo un engrenaxe que fan de Galicia un modelo de excelencia neste ámbito e que garanten a seguridade dos consumidores de marisco galego.