Nova
A Xunta aposta polo xemelgo dixital para unha mellor xestión mariña en Galicia sustentada na ciencia e a innovación
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destacou que esta iniciativa permitirá “pasar dunha xestión reactiva a unha xestión proactiva, baseada no coñecemento, na predición e na innovación tecnolóxica”
O proxecto aspira a financiamiento europeo e involucrará centros de referencia como Intecmar, o CIMA, Cetmar ou o Observatorio Costeiro de Galicia
Tamén subliñou que MaruxIA converterá a ría de Arousa nun laboratorio vivo para anticipar episodios críticos, mellorar a planificación marisqueira e fortalecer a sustentabilidade do ecosistema
Viveiro (Lugo), 27 de novembro de 2025
A Xunta aposta polo xemelgo dixital para unha mellor xestión mariña en Galicia sustentada na ciencia e na innovación. Así o manifestou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, no marco da XXIX edición das Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro, onde presentou o proxecto MaruxIA. Unha iniciativa pioneira, impulsada pola Xunta, para transformar a forma na que Galicia observa, analiza e decide sobre os seus recursos mariños.
A responsable autonómica explicou que esta acción nace con vontade de converterse nun xemelgo dixital da ría de Arousa, capaz de integrar datos en tempo real procedentes de sensores, redes de observación, bases de datos históricas, modelos oceanográficos e análises biolóxicas. O obxectivo é simular o comportamento do ecosistema e anticipar situacións complexas. “A xestión mariña precisa dar un salto cualitativo”. Traballar con predición, con integración de datos e con modelos avanzados “é fundamental para mellorar o noso coñecemento e tomar decisións máis seguras. MaruxIA representa a Galicia innovadora que apostamos por construír”, subliñou a directora xeral.
Por outra banda, destacou que o proxecto se desenvolve grazas á colaboración cun sólido ecosistema de entidades científicas e tecnolóxicas públicas como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), o Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), ou Observatorio Costeiro de Galicia, entre outras. Todas estas entidades achegan capacidades en ámbitos como a calidade ambiental, a investigación aplicada, a predición océano-meteorolóxica ou o asesoramento técnico para a xestión dos recursos.
“O noso mar merece decisións fundamentadas, anticipación e ferramentas que reforcen a súa sustentabilidade. Por iso, Galicia aposta pola intelixencia artificial como aliada, integrando ciencia e a tecnoloxía no día a día da xestión”, afirmou a directora xeral.
Laboratorio vivo
A Ría de Arousa foi seleccionada como contorna piloto pola elevada densidade de información dispoñible e polo peso económico e social da súa actividade marisqueira. Alí validaranse as ferramentas de simulación, de predición e de alerta temperá antes de que poidan ser replicadas noutras zonas costeiras de Galicia. Entre os retos principais abordados polo proxecto destaca a simulación automatizada de poboacións de bivalvos, a avaliación do impacto do cambio climático sobre especies clave como o polbo, a sepia, as vieiras ou as volandeiras ou a creación dun sistema de alertas e escenarios de predición que permita anticipar episodios críticos como mortalidades masivas, presenza de patóxenos ou alteracións ambientais súbitas.
Apoio europeo
MaruxIA aspira ao respaldo económico da Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda (Liña FID), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, cofinanciada polo Programa FEDER. Este mecanismo permitirá desenvolver solucións tecnolóxicas avanzadas que aínda non existen no mercado, mediante a ferramenta da Compra Pública de Innovación (CPI). O proxecto sitúa á Consellería do Mar á vangarda da innovación pública, lanzando retos reais para que empresas, universidades e centros tecnolóxicos poidan crear novas solucións ao servizo do mar galego.