Nova

Mar visita a confraría de Redondela no marco dos contactos permanentes que mantén co sector

1 de 1

Redondela (Pontevedra), 28 de novembro de 2025

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, visitou a confraría de Redondela para abordar co pósito a situación e as necesidades dos profesionais desta zona da ría de Vigo. No encontro, enmarcado nos contactos periódicos da Consellería do Mar cos representantes do sector, explicáronse as liñas de apoio autonómicas que existen para a actividade marítimo-pesqueira.

Cándido Rial salientou que esta entidade agrupa a máis de 200 profesionais e que acadou unha facturación de máis de un millón de euros no 2024, grazas á comercialización de especies como a cornicha, o choco, a ameixa xaponesa ou a ameixa babosa. Cifras que reflicten a importancia desta actividade extractiva en termos económicos e de emprego. Por isto, manifestou o compromiso da Xunta de seguir traballando man a man co sector para dar unha resposta áxil e eficaz as súas necesidades e continuar avanzando no ámbito da competitividade e sustentabilidade da pesca e o marisqueo na comunidade.

Imaxes relacionadas