Nova
A Xunta destaca a aposta da Confraría de Cangas pola revalorización dos produtos pesqueiros
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica mantivo un encontro con representantes do pósito para analizar posibles colaboracións
A entidade recibiu case 133.000 euros ao abeiro das axudas autonómicas para equipamentos portuarios
Cangas do Morrazo (Pontevedra), 28 de novembro de 2025
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, visitou hoxe as instalacións da Confraría de Pescadores de Cangas e mantivo un encontro cos seus responsables para abordar asuntos de interese para o sector. Na reunión, Rial puxo en valor o traballo desenvolvido por este pósito no eido da valorización e da calidade diferenciada dos produtos pesqueiros, sinalando como modelo as marcas colectivas Percebe das Cíes e Navalla das Cíes, dúas especies que representan o 44 % da súa facturación.
A mellora da comercialización é unha das liñas de traballo compartido pola Consellería do Mar, e que o director xeral ampliou a outros ámbitos, como á realización de investimentos en equipamentos portuarios para afondar na seguridade e nas condicións de traballo dos profesionais, así como na competitividade dun sector estratéxico para a comunidade. Recentemente, a Confraría foi beneficiaria de case 133.000 euros ao abeiro dos apoios autonómicos para adquirir un guindastre de pluma fixo para o varadoiro e unha carreta eléctrica frontal contrapesada. Tamén recibiu apoio para a instalación dun sistema de aerotermia para a mellora da eficiencia enerxética da lonxa.
Un traballo conxunto que tamén alcanza o ámbito da investigación coa participación desta confraría en proxectos desenvolvidos pola rede de colaboración entre os centros científicos da comunidade e o sector, Redemar. Entre eles, os proxectos Algaprox, Algasdet ou RIFA. Unha unidade de acción que permite avanzar na sustentabilidade do sector marítimo-pesqueiro desta vila, un dos dez portos máis importantes da comunidade, cunha facturación no 2024 de 4,6 millóns de euros e preto de 310 toneladas comercializadas.