Nova

Villaverde reivindica na Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol o papel da formación para acadar un sector máis sostible, competitivo e con futuro

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A conselleira do Mar salienta, no 50 aniversario do centro, que contar con profesionais ben formados fai que Galicia manteña a súa posición de referencia

Recoñece o labor do profesorado, que ofrece estudos especializados únicos en Galicia e forma cada ano centos de mariñeiros, patróns, oficiais e profesionais do mar

Villaverde lembra que a excelencia formativa é tamén “a mellor garantía da marca Galicia Calidade aplicada ao noso mar”

Destaca que contribúe a afrontar desafíos como a seguridade marítima, a loita contra a pesca ilegal, a preservación dos ecosistemas e a remuda xeracional

Ferrol, 2 de decembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe no acto de celebración do 50 aniversario da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, onde puxo en valor o papel estratéxico deste centro na capacitación das persoas que integran o sector marítimo-pesqueiro galego. Durante a súa intervención, Villaverde destacou que esta efeméride chega “nun momento clave para o futuro do noso mar”, que afronta importantes retos no eido da sostibilidade e a competitividade, onde os profesionais altamente cualificados xogan un papel moi relevante.

A titular de Mar, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, subliñou que a formación foi e segue sendo un dos piares que permitiron a evolución da actividade pesqueira galega, pasando “dos métodos tradicionais á profesionalización cualificada” e incorporando novos coñecementos técnicos, innovación e tecnoloxías que melloran a eficiencia e reducen o impacto ambiental. “Fomos flexibles e adaptámonos, hoxe practicamos unha pesca moderna, máis sostible e máis segura, que require competencias actualizadas e unha aprendizaxe permanente”, afirmou.

Villaverde insistiu na importancia de estar á vangarda en coñecemento para facer fronte ás novas esixencias da industria marítimo-pesqueira. Destacou ámbitos fundamentais como a seguridade marítima, a loita contra a pesca ilegal e a sobrepesca, a conservación dos ecosistemas mariños, a viabilidade económica, o patrimonio cultural e a identidade mariñeira, ou a remuda xeracional. Nesta liña, Villaverde reivindicou a calidade formativa como selo distintivo de Galicia, “a excelencia do noso ensino marítimo-pesqueiro é parte dunha filosofía máis ampla, a filosofía da marca Galicia Calidade. Esa Galicia que aposta polo ben feito, polo rigor e pola profesionalidade tamén no mar”.

A conselleira amosou o seu orgullo pola traxectoria da Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol, que ofrece unha formación teórica e práctica que permitiu a milleiros de galegos iniciar ou avanzar na súa carreira profesional. “Sodes historia viva dunha Galicia do mar máis rica en experiencias e coñecemento”, afirmou Villaverde. Reivindicou tamén o papel dos docentes, directores, persoal técnico e estudantes que pasaron polo centro ao longo de cinco décadas, construíndo unha relación “recíproca e de confianza” que fixo posible que Galicia estea “á vangarda do coñecemento, cunha formación especializada, continua e actualizada”.

Un centro singular 

A Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol conta con instalacións singulares en Galicia e cunha oferta de estudos que inclúe dous ciclos superiores —Ponte e Máquinas— que habilitan para gobernar buques de ata 70 metros de eslora ou para exercer como xefe de máquinas en embarcacións de ata 30.000 kW. O centro imparte, ademais, titulacións profesionais específicas de pesca, como mariñeiro-pescador, patrón local, patrón costeiro polivalente ou percebeiro, e é a única escola pública da comunidade que ofrece cursos de especialización da mariña mercante. A actividade académica mobiliza anualmente máis de 1.100 expedientes, con 650 estudantes nos ciclos, certificados e titulacións profesionais, e outros 475 aspirantes a titulacións náutico-deportivas.

O Goberno galego duplicou, nos últimos anos, o seu apoio á capacitación marítimo-pesqueira, reforzando os recursos destinados ás escolas dependentes da Consellería do Mar e ampliando a oferta para atender as novas necesidades do sector. Así, subliñou que, no 2026, o Programa de Ensinanzas Pesqueiras roldará os 12,4 millóns, un 9,5 %  máis que este ano. Un reforzo que permitirá impulsar medidas de remuda xeracional, mellorar a acreditación por competencias e garantir o funcionamento dos centros formativos.

Imaxes relacionadas