Nova

Gardacostas incauta uns 800 cacharros ilegais para a captura do polbo en operativos realizados na zona da Guarda

1 de 2
2 de 2

É o resultado de dúas actuacións das patrulleiras Punta da Guía e Mar de Galicia que tamén liberaron un total de 30 quilos de cefalópodos 

No que vai de ano, retiráronse case 15.000 destes artefactos, que contrasta cos 2.239 do pasado ano ou os 3.500 rexistrados no 2023 a estas mesmas datas

Santiago de Compostela, 4 de decembro do 2025

O servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, retirou 798 cacharros utilizados ilegalmente para a captura de polbo en distintos operativos realizados nos últimos días na zona da Guarda. Estes labores de inspección intensifican o control fronte ao uso de aparellos prohibidos que poñen en risco a sustentabilidade do recurso e a actividade profesional das persoas que exercen a pesca de maneira regulamentaria.

Nunha das actuacións, a patrulleira Punta da Guía localizou e retirou 148 cacharros, dos que se liberaron arredor de 14 quilos de polbo, exemplares que non acadaban a talla e peso regulamentarios. Nun segundo operativo, a patrulleira Mar de Galicia recuperou 650 cacharros e procedeu á liberación doutros 16 quilos de cefalópodos. Unhas cifras que se suman aos 720 cacharros comisados a pasada semana nesta mesma zona, o que evidencia unha actividade furtiva especialmente intensa nesta franxa do litoral.

Os controis realizados por Gardacostas forman parte das labores de vixilancia deste departamento para protexer a explotación sostible desta especie e garantir o cumprimento das normas pesqueiras, evitando a competencia desleal e contribuíndo a preservar este recurso mariño. Un labor que permitiu retirar, no que vai de ano, preto de 15.000 cacharros en todo o litoral galego, unha cifra moi superior aos 2.239 e 3.500 cacharros retirados no 2024 e 2023, respectivamente, a estas mesmas datas.

A Consellería do Mar reafirma o seu compromiso coa loita contra o furtivismo e a pesca ilegal, actividades que poñen en risco o equilibrio dos ecosistemas mariños e o traballo das persoas que se dedican á pesca de maneira profesional e respectuosa coa normativa vixente. Unha tarefa na que existe unha estreita colaboración entre Gardacostas, as confrarías e profesionais do sector, que alertan da presenza de aparellos ilegais na costa.

Imaxes relacionadas