Nova

As vendas de produtos do mar co selo 'pescadeRías' superan as 15.000 toneladas e os 500 axentes adheridos

1 de 2
2 de 2

A marca, creada pola Xunta no 2008, avala a frescura, orixe e sostibilidade do peixe e marisco ao consumidor

As lonxas co maior volume de recurso certificado no último ano están a ser as de Ribeira e Porto do Son

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2025

Unha trintena de establecementos de Santiago de Compostela, Teo, Allariz, Pontevedra e A Coruña recibiron este venres a certificación pescadeRías ¿de onde se non?. O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, participou este venres na entrega deste distintivo que acredita a orixe e frescura do peixe e marisco procedentes do litoral galego.

Desde a súa posta en marcha, no 2008, o volume de produto certificado con este selo foi aumentando ano tras ano e, nestes momentos, xa supera as 15.000 toneladas, sendo as lonxas de Ribeira e Portosín as que rexistran a maior porcentaxe de venda. Asemade, xa son 510 os axentes adheridos, dos que 190 son peixerías, 168 restaurantes, 44 lonxas e centros de primeira venda, 34 centros de depuración e expedición, 33 distribuidores, 28 empresas de transformación e 13 tendas on line.

Unha evolución que continúa á alza e que sitúa a esta marca como unha ferramenta clave para diferenciar no mercado e nas cadeas de distribución os produtos procedentes da flota artesanal galega, asegurando aos consumidores unha compra responsable e de máxima calidade. E é que este distintivo certifica produtos capturados como máximo 24 horas antes da primeira venda, con modalidades de pesca selectiva e respectuosas co medio. Por exemplo, algas, peixes, crustáceos, cefalópodos, equinodermos, antozoos ou moluscos que son extraídos con nasas, anzol, enmalle, artes de cerco, marisqueo e boliche ou con técnicas de buceo para recursos específicos.

Con esta iniciativa, a Xunta demostra o seu compromiso coa sostibilidade e o sector pesqueiro local, un obxectivo que tamén se materializa co desenvolvemento doutras accións como o Bono Peixe ou a campaña GALICIA SABE AMAR.

Imaxes relacionadas