Nova

Villaverde destaca a aposta de Alumar pola excelencia dos seus produtos e o seu compromiso coa mellora continua

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira do Mar asistiu á entrega duns novos distintivos e posterior inauguración da ampliación da nave que esta compañía ten en Barro

Co fin de seguir apoiando a cadea mar-industria, a Xunta incrementará no 2026 un 5 % o orzamento ás pemes de transformación

Barro (Pontevedra), 5 de decembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este venres na entrega de certificacións de calidade e posterior inauguración da ampliación da nave que Alumar ten en Barro, onde destacou a aposta desta compañía pola excelencia dos seus produtos, avalados por selos tan prestixiosos como Galicia Calidade ou a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia.

Este recoñecemento, destacou Villaverde, “consolida á entidade como un referente no sector e reafirma o seu compromiso coa mellora continua e a innovación, demostrando un alto nivel de profesionalización e un sólido sistema de xestión que cumpre plenamente cos requisitos establecidos, fortalecendo a súa posición no mercado nacional e internacional”.

Alumar conta cunha produción diaria de entre 12 e 15 toneladas diarias de mexillón, cifras que, segundo destacou a conselleira, “amosan o impacto socioeconómico que esta actividade ten na economía galega”. Por este motivo, lembrou que, co fin de seguir apoiando a cadea mar-industria, a Xunta aumentará o vindeiro ano o orzamento para o impulso da competitividade das pemes de transformación un 5 %, ata chegar aos 17 millóns de euros.

Alumar, que abriu as súas porta no 2019 como resultado da unión dun grupo de bateeiros de Sanxenxo, Poio e Vigo, hoxe ten unha gran incursión no mercado europeo, concretamente, en países como Alemaña, Italia ou Portugal.

Imaxes relacionadas