Nova
A Xunta presenta ao sector as ferramentas de xestión de licenzas de pesca recreativa e dá conta das novas obrigas comunitarias sobre a transmisión de capturas
A Consellería do Mar tratou recentemente con representantes do sector pesqueiro recreativo o cumprimento das obrigas derivadas da normativa europea
Da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentáronse as novas ferramentas dixitais para a xestión das licenzas
Tamén se abordaron os cambios que entrarán en vigor en xaneiro de 2026 respecto á declaración das capturas de pesca recreativa
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia mantivo recentemente unha xuntanza cos representantes das entidades vinculadas á pesca marítima de recreo para analizar as novidades que introduce a normativa comunitaria e nacional e que afectan directamente ás persoas afeccionadas a esta actividade. O encontro tivo como obxectivo explicar os cambios normativos, aclarar o papel da Consellería do Mar e orientar ás entidades sobre os procedementos de xestión que deberán seguir os usuarios nos vindeiros meses.
Durante a reunión, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, explicou que a Unión Europea obriga a que todos os Estados membros dispoñan dun sistema electrónico de rexistro e comunicación das capturas da pesca recreativa, requisito que será de aplicación a partir do 10 de xaneiro de 2026. O responsable autonómico destacou que Galicia xa conta cun sistema plenamente operativo para a xestión das licenzas, a través do portal e da aplicación móbil desenvolvidos pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Este sistema permite rexistrar automaticamente as licenzas expedidas e renovadas tanto para persoas físicas como para embarcacións, convertendo a Galicia nunha das primeiras comunidades autónomas en dispoñer dun Rexistro de Pesca Recreativa plenamente actualizado. Así mesmo, recordouse que os datos das licenzas transmítense diariamente ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en cumprimento dos criterios de interoperabilidade acordados entre administracións.
A partir de xaneiro de 2026, todas as persoas que practiquen pesca recreativa —e que terán que contar coa licenza correspondente— deberán declarar electronicamente as capturas realizadas, para o que o Ministerio porá a disposición unha nova aplicación móbil común para todas as comunidades autónomas. En paralelo, a Xunta adaptará o seu portal e aplicación actuais para facilitar unha experiencia máis sinxela para os usuarios, reducindo trámites e integrando toda a información necesaria nun único punto de acceso.
Sipmar
A Xunta lembrou que a tramitación das licenzas se realiza a través do Sistema Integrado de Pesca Marítima de Recreo (Sipmar), que permite obter ou renovar licenzas, solicitar autorizacións complementarias (mergullo, concursos ou campionatos), conservar a licenza no móbil a través da app XuntaEU, e realizar todas as xestións de maneira 100 % electrónica ou presencialmente a través das entidades financeiras colaboradoras. O sistema integra tamén información co Servizo de Gardacostas, coa Plataforma Tecnolóxica da Pesca e con outras ferramentas que a Xunta pon ao servizo dos sectores pesqueiros e marisqueiros para mellorar a xestión e a trazabilidade.
A pesca marítima de recreo ten un peso social moi destacado en Galicia, con 81.103 licenzas tramitadas en 2025, 78.075 de superficie, 3.018 de submarina e 10 correspondentes á 6ª lista. A maioría destas xestións realizáronse a través das entidades financeiras colaboradoras (64.634), mentres que 14.303 foron tramitadas pola sede electrónica. Esta dimensión converte a Galicia nunha das comunidades con maior actividade recreativa pesqueira do Estado e subliña a necesidade dun sistema dixital interoperable que facilite a planificación, o control e a sustentabilidade desta modalidade.
As ferramentas presentadas forman parte da estratexia global de transformación dixital impulsada pola Consellería do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que inclúe proxectos como Lonxas Galegas 4.0, Axumar ou Movtic, entre outros, orientados a mellorar a eficiencia, a transparencia e a competitividade do sector.