Nova

A Xunta destaca o labor estratéxico de MarinnLeg no seguimento das políticas pesqueiras europeas

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu a reunión do Padroado da Fundación MarInnLeg, onde se abordaron as contas anuais e as liñas de traballo previstas para 2026

A responsable autonómica puxo en valor o papel do ente como espazo de análise xurídica e apoio ao sector marítimo-pesqueiro galego en temas clave da gobernanza comunitaria

Vigo, 9 de decembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu hoxe a reunión do Padroado da Fundación MarInnLeg, ente dedicado á investigación xurídica, asesoramento institucional e seguimento das políticas pesqueiras e marítimas europeas. Durante o encontro, celebrado no edificio de Sesións do Porto de Vigo, analizáronse as contas e actividades do exercicio en curso e aprobáronse as liñas de actuación para 2026.

Marta Villaverde destacou a importancia de contar cun centro especializado capaz de anticipar cambios normativos da UE, asesorar ao sector e contribuír ao debate sobre cuestións como a reforma da Política Pesqueira Común, a gobernanza internacional dos océanos ou o impacto das esixencias ambientais e tecnolóxicas sobre a frota. Subliñou, ademais, a utilidade práctica da fundación para Galicia, tanto na defensa dos intereses do sector como na difusión de información que achegue rigor e claridade a debates clave.

Durante a sesión, o Padroado aprobouse o resumo económico deste 2025, así como o Plan de Actuación 2026, que inclúe accións de asesoramento, formación, observatorio e investigación en materia de política pesqueira, economía azul e regulación marítima. O documento recolle a continuidade de proxectos internacionais, a organización de programas formativos e a participación en foros europeos vinculados ao sector.

Imaxes relacionadas