Nova

A Xunta defende no Parlamento o traballo técnico e o investimento destinado á recuperación dos bancos marisqueiros de Camariñas

1 de 1

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro subliña que se actuou “desde o minuto un” tras detectarse a baixada produtiva e que todas as medidas se adoptaron con base en estudos científicos

A Xunta lembra que non se ocultou ningún informe e que as conclusións dos traballos foron sempre trasladadas á confraría

A Administración galega destina importantes recursos á rexeneración dos bancos e mantén aberta a vía para adaptar o plan de xestión, incluída unha eventual suspensión temporal da actividade

Santiago de Compostela, 11 de decembro do 2025

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, explicou hoxe, na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento, as medidas adoptadas pola Consellería do Mar para recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros de Camariñas. Alí, defendeu o traballo rigoroso, sostido e baseado en criterios técnicos e científicos que vén desenvolvendo a Administración autonómica.

Ángeles V. Suárez manifestou que a Xunta actuou “desde o primeiro momento” tras coñecerse, no ano 2014, a diminución da produción de bivalvos na enseada da Vasa e na desembocadura do río Grande, un fenómeno relacionado cos fortes temporais de 2013 e 2014, que romperon a barra de area que protexía a zona e alteraron profundamente a súa hidrodinámica.

A responsable autonómica sinalou que, desde entón, se realizaron estudos granulométricos, batimétricos, avaliacións de stock e monitorización continua, que permitiron determinar as causas dos cambios no substrato e na configuración dos bancos. Estes diagnósticos motivaron diversas actuacións de rexeneración, entre elas a remoción de substrato, o traslado de xuvenís e a limpeza de algas e depredadores, ademais da sementeira de unidades de ameixa fina, babosa e xaponesa en diferentes campañas.

Nesta liña, sinalou que, só entre 2022 e 2024, se introduciron máis de 1,1 millóns de unidades de semente procedentes do CIMA, do minicriadeiro do Vicedo e do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), ás que se suma a sementeira realizada en 2025 no banco da Canle Río da Ponte.

Por outra banda, resaltou que a confraría participou en todas as fases do proceso e que foi beneficiaria de máis de 380.000 euros en axudas para mellorar a situación dos bancos. Tamén explicou que o estudo máis recente, contratado polo propio pósito e financiado pola Consellería do Mar con cargo á orde de axudas de 2025, conclúe que existe unha correlación significativa entre factores hidrodinámicos e ambientais e a caída produtiva, causada pola maior enerxía da ondaxe, a mobilización de sedimentos e a perda de finos tras a ruptura da barra.

Compromiso co marisqueo

Ángeles V. Suárez salientou que Camariñas sofre os mesmos factores que afectan ao marisqueo noutras rías galegas —precipitacións intensas, baixadas de salinidade, variables oceanográficas e factores ambientais—, e que a Xunta mantén un esforzo continuado en rexeneración e seguimento, tanto a través de encargas a Seaga como mediante proxectos de investigación do Centro de Investigación Mariñas de Galicia (CIMA), a rede de colaboración entre os centros de investigación galegos e o sector pesqueiro, Redemar, e o Programa de Ciencias Mariñas.

Adiantou que os orzamentos de 2026 inclúen novas partidas para proxectos colectivos, rexeneración, conservación da biodiversidade mariña e encargas a medio propio, cun investimento global superior aos 10 millóns de euros, ademais da continua cesión de semente por parte do CIMA. “A nosa prioridade é recuperar a produtividade dos bancos e asegurar un futuro sustentable para o marisqueo. As decisións que adoptamos están sempre sustentadas en criterios técnicos e científicos e en diálogo permanente co sector”, concluíu.

Imaxes relacionadas