Nova
Villaverde entrega ao comisario de pesca os informes da USC que avalan o rexeitamento de Galicia á proposta de recortes nos TACs pesqueiros
A conselleira continuou co vicepresidente de Mar e Litoral de Bretaña, Danieal Cueff, a rolda de contactos que está a levar a cabo no marco do Consello de ministros Agrifish
Bruxelas, 11 de decembro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, entregou esta tarde ao comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, os informes socioeconómicos encargados pola Xunta á Universidade de Santiago de Compostela, e que avalan que os recortes propostos pola Comisión Europea, baseados nos informes do ICES, para a xarda, o lirio e o abadexo supoñen un grave prexuízo para os intereses e a viabilidade da frota galega.
Con esta acción, enmarcada na rolda de contactos que a responsable autonómica está a ter con motivo do Consello de ministros de Agricultura e Pesca da UE (Agrifish), Villaverde continuou poñendo en valor a importancia que ten a actividade pesqueira para Galicia, tanto en termos de emprego, como de competitividade empresarial e de desenvolvemento dos territorios costeiros.
Alianza coa Bretaña francesa
A responsable autonómica tamén mantivo unha xuntanza co vicepresidente de Mar e Litoral de Bretaña, Danieal Cueff, na que compartiron temas que afectan a ambas as dúas rexións por seren zonas altamente dependentes da pesca. É o caso, da repercusión que ten para as frotas galega e a bretoa a redución do 70 % da cota para a xarda ou o novo Marco Financieiro Plurianual e, neste senso, a importancia do mantemento dos Grupos de Acción Local Pesqueiro (GALP) como axentes dinamizadores das poboacións do litoral de ambas as dúas rexións.
Neste sentido, Villaverde entregoulle a Cueff unha copia do Ditame aprobado por unanimidade do Consello Galego de Pesca que rexeita, precisamente, a proposta anunciada pola CE, e sentou as bases para establecer novas alianzas que beneficien a ambas as dúas rexións, en aras de seguir sendo o altofalante do sector nas instancias europeas. No encontro tamén participaron a presidenta da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Carmen Crespo, e representantes do sector pesqueiro galego.