Nova
Villaverde traslada a Planas as impresións de Galicia sobre as novas medidas de control da pesca e as propostas para compensar o acordo de TACs e cotas
Considera que a incerteza xerada ao sector coas novas disposicións de control “puido terse evitado” polo que lle pediu ao ministro “non máis sobresaltos”
A Xunta remitirá, nas vindeiras horas, ao Ministerio o Ditame aprobado, esta mañá, por unanimidade, polo Consello Galego de Pesca, co que Galicia achega unha batería de propostas para paliar, no posible, os malos resultados da negociación de decembro
Tamén abordou a prohibición de exportar sardiña conxelada anunciada por Marrocos e que prexudica ao sector conserveiro galego
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou, por videoconferencia, na Conferencia Sectorial de Agricultura e Pesca e no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, no que lle trasladou ao ministro, Luís Planas, as impresións de Galicia sobre a flexibilización das novas medidas de control que o Ministerio acordou onte co sector. Tamén lle informou da aprobación, por unanimidade, por parte do Consello Galego de Pesca, dun Ditame con propostas para compensar o mal acordo de TACs e cotas que acadaron os ministros de Pesca da UE a mediados de decembro en Bruxelas.
Na orde do día do Consello Consultivo, que serve para preparar o Consello de Ministros Agrifish do vindeiro día 26, non se recollían estes asuntos, que son de gran importancia para Galicia e que tanto preocupan ao sector marítimo-pesqueiro galego, pero Villaverde, quixo aproveitar a súa intervención para dar a coñecer a postura de Galicia sobre os mesmos.
No relativo ao acordo polas novas medidas de control, que aínda non lle foron notificadas oficialmente a Galicia, a conselleira reiterou o seu apoio indiscutible aos profesionais do mar e lamentou que a frota tivera que parar para que o Ministerio rectificase a súa postura e flexibilizase as disposicións do regulamento.
Villaverde tamén informou ao Consello Consultivo de que, esta mesma mañá, o Consello Galego de Pesca aprobou, por unanimidade, o Ditame con propostas para intentar paliar os resultados tan prexudiciais do acordo sobre as posibilidades de pesca para 2026. Neste senso, avanzoulle a Luís Planas que, nas vindeiras horas, a Consellería do Mar remitiralle ao Ministerio o documento no que o sector, apoiado pola Xunta, recolle unha serie de medidas relacionadas co reparto de xarda, posto que ese acordo non está pechado, xa que o Regulamento aínda non se publicou. O Ditame tamén propón outras medidas para especies como o atún vermello ou o bocarte.
Ademais, a conselleira interesouse polo Marco Financeiro Plurianual, xa que na Conferencia Sectorial do 15 de outubro, o Ministerio comprometérase a crear un equipo de traballo específico do que, a día de hoxe, aínda non hai noticias da súa posible constitución, e que sería moi necesario para acadar un Marco Financeiro que se adapte ás necesidades do sector marítimo-pesqueiro.
Villaverde tamén lle solicitou información ao ministro sobre o anuncio de Marrocos de suspender, de xeito temporal, as exportacións de sardiña conxelada a partires do 1 de febreiro por mor da falta de desembarcos, e co obxectivo de dar prioridade ao seu abastecemento nacional.