Nova
A Xunta posiciona Galicia na Madrid Fusión e na Gulfood de Dubai como referente mundial na sostibilide e calidade dos produtos do mar
Dúas accións que se enmarcan na aposta pola internacionalización das empresas, que o Goberno galego apoia con 11 M€ no bienio 2026-2027
O estudo elaborado con Clusaga revela que este esforzo inversor permitiu ás entidades obxecto do mesmo aumentar desde 2023 as exportacións un 4 %, a creación de emprego un 5 % e a facturación un 2 %
A Consellería acode a estes eventos cun stand propio, converténdose nun escaparate do sector a nivel global e nunha plataforma de negocio para a cadea mar-industria
Madrid, 27 de xaneiro do 2026
Os produtos do mar de Galicia están a brillar con luz propia na 24 edición de Madrid Fusión 2026 e na Gulfood de Dubai, grazas á aposta que realiza a Consellería do Mar, que dirixe Marta Villaverde, na súa aposta de impulsar a internacionalización das empresas da cadea mar-industria. Precisamente, a responsable autonómica participou hoxe no congreso gastronómico de referencia internacional que se está a celebrar desde onte na capital de España, e ao que a Xunta acode, ao igual que no evento do emirato árabe, cun stand propio no que se exalta a sostibilidade e a calidade dos produtos do litoral galego.
Unha acción promocional decisiva e demandada polo tecido empresarial, e que a Xunta contempla nos orzamentos cunha partida de 11 millóns de euros para o período 2026-2027. Así o recolle, destacou Villaverde, o estudo elaborado con Clusaga, segundo o cal as políticas de internacionalización impulsadas polo departamento autonómico permitiron ás empresas marítimo-pesqueiras enquisadas aumentar desde 2023 as exportacións nun 4 %, o número de empregos nun 5 % e diversificar o mercado, acadando un incremento na facturación de preto do 2 %.
Un contexto que é consecuencia da facilidade de enlaces que aportan estes eventos como plataformas de negocio, acadando un rexistro de 12.572 contactos durante a asistencia a eles nos dous últimos anos. A este respecto, o estudo tamén indica que esta interlocución foi determinante para que se formalizasen un total de 1.861 novos contratos ou acordos comerciais.
Escaparates gastronómicos e da pesca artesanal
Desde o luns ata mañá, o espazo da Xunta en Madrid Fusión convértese no epicentro dun amplo programa de demostracións e catas cuxo obxectivo final é amosar aos asistentes as virtudes e propiedades culinarias do litoral galego, o traballo do sector marítimo-pesqueiro e favorecer a apertura das empresas galegas a novos mercados.
“Esta feira é un reflexo da forza de Galicia na gastronomía mariña e no tecido empresarial, baseados nunha pesca responsable, na innovación e no respecto polo medio ambiente”, destacou Villaverde, facendo referencia a que, a través de showcookings, exposicións ou degustacións, a Administración autonómica pon en valor a singularidade de produtos certificados pola marca pescadeRías, de onde se non?, a DOP Mexillón de Galicia e outros recoñecidos, como as conservas de Anfaco-Cytma, algas, a merluza do pincho de Burela, o Bonito do Norte ou o rodaballo de Prodemar. Alimentos, todos eles, que distintos chefs (Marcos Arufe, Miguel F. Vidal, Álex Iglesias, Manu Barbernana, Héctor López, Lucía Freitas) e sumilleres (Alejandro Padín e Paco López) presentan combinados con viños das Denominacións de Orixe Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras.
Ademais, nese espazo diferenciado que a Xunta ten na feira, dáselle cabida a un total de quince empresas ou entidades relacionadas coa comercialización de produtos da pesca, coa intención de que aproveiten a súa estancia no evento para dar a coñecer os seus produtos e abrir novas vías de negocio. Trátase de empresas como Mariscos Daporta, Caviar del Tibet, Artesa Despensa Atlántica, Algamar, Mi Pescado en Tu Mesa, Conxemar, El Percebeiro, Conservas Artesás Galegas, Mariscadora, Anfaco-Cytma, Fundación Semana Verde de Galicia, La Curiosa, Capitán Alga, José Peña e Empanadas do Mar.
Polo que respecta á cita de Dubai, ata o venres promociónanse os produtos da pesca artesanal galega con dous espazos diferenciados: Seafood, con seis empresas, e World Food, con 14 entidades. Destacan, entre outras, Conservas La Brújula, El Percebeiro ou Conservas Portomar.