Nova

Villaverde reafirma no Parlamento o seu apoio á frota artesanal fronte a un regulamento de control que debe flexibilizar a súa aplicación actual

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar defende unha aplicación proporcionada da norma europea, lembra as alegacións presentadas por Galicia desde o inicio do proceso e critica a falta de reacción do Goberno central ata a entrada en vigor das novas obrigas

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reiterou hoxe no Parlamento galego o apoio firme da Xunta ao sector pesqueiro, especialmente á frota de baixura e artesanal, fronte á aplicación do Regulamento europeo de control da pesca nas condicións actuais, que cualificou de desproporcionadas e alleas á realidade operativa da pesca galega.

Durante a súa resposta a unha pregunta parlamentaria, a responsable autonómica subliñou que o Goberno galego actuou con dilixencia desde o primeiro momento, presentando alegacións ao regulamento xa durante a súa tramitación inicial, moitas delas consensuadas co propio sector e recollidas no Ditame do Consello Galego de Pesca. Galicia, explicou, fixo posible que se introducisen medidas de flexibilidade, períodos transitorios máis amplos e unha maior marxe de tolerancia no erro de pesaxe, co obxectivo de minimizar o impacto da norma sobre a frota artesanal.

Villaverde lamentou que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación non atendese estas advertencias a tempo e agardase á entrada en vigor das novas obrigas, o pasado 10 de xaneiro, para reaccionar, provocando unha situación de incerteza que derivou nas protestas do sector e mesmo na paralización da actividade pesqueira e boa parte dos portos. Neste sentido, criticou que durante dous anos non se adoptasen medidas para preparar unha aplicación realista da norma.

A conselleira incidiu en que a Xunta non se opón ao control pesqueiro, que considera necesario para garantir a protección dos recursos e, ao mesmo tempo, a trazabilidade dos produtos do mar, pero advertiu de que este debe ser compatible coa seguridade marítima, coa realidade da pesca artesanal e coa viabilidade económica das embarcacións. Obrigar a anotar capturas con precisión técnica en condicións de mar adversas ou impoñer prazos de comunicación incompatibles coa operativa diaria, engadiu, supón unha carga administrativa excesiva e un risco innecesario de sancións.

Neste contexto, destacou o diálogo permanente da Consellería co sector e as xestións realizadas ante o Goberno central e nos foros estatais e europeos para reclamar unha aplicación flexible e adaptada do regulamento, e reafirmou que a Xunta seguirá “situándose do lado da frota galega con lealdade institucional, pero tamén con firmeza política”.

Imaxes relacionadas