Nova

A Xunta avanza na tramitación ambiental do porto mixto de Corcubión coa licitación das sondaxes arqueolóxicas

Portos de Galicia iniciou hoxe a licitación dos traballos cun orzamento de 85.000 euros

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2026

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, iniciou hoxe o procedemento de licitación para a execución de sondaxes arqueolóxicas subacuáticas para a remodelación das instalacións portuarias de Corcubión. O servizo sae a concurso público cun orzamento base de licitación de 85.000 euros e con el a Xunta avanza na tramitación ambiental ordinaria do porto mixto da localidade.

Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia, www.portosdegalicia.gal. Os licitadores terán de prazo 15 días para presentar as súas ofertas.

As sondaxes previstas foron requeridas pola Dirección Xeral de Patrimonio cultural no marco da avaliación do impacto do proxecto sobre o patrimonio cultural e teñen por obxecto determinar a presencia, no seu caso, de bens do patrimonio arqueolóxico subactuático, así como a súa natureza. O prazo de execución das prospeccións será de 6 meses e incluirán prospeccións subacuáticas realizadas por buzos e sondaxes con técnicas especializadas para a detección de posibles bens patrimoniais.

O proxecto do porto mixto de Corcubión contempla mellora do abrigo xeral de todas as zonas do porto, tanto deportivas como pesqueiras, e a dotación de novas prazas de atracada para a frota pesqueira.