Nova
A Xunta analiza coas confrarías a situación dos bancos marisqueiros tras as intensas choivas das últimas semanas
Villaverde destaca o diálogo permanente co sector para consensuar o novo baremo do marisqueo a pé e avaliar medidas ante os episodios meteorolóxicos adversos
Santiago de Compostela, 4 de febreiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo hoxe unha reunión cos presidentes da Federación Galega e das federacións provinciais de confrarías de pescadores para abordar cuestións de interese para o sector, entre elas o seguimento dos parámetros de interese dos bancos marisqueiros tras as fortes precipitacións rexistradas nas últimas semanas e o avance na elaboración dun baremo para o marisqueo a pé.
Villaverde destacou que estes encontros forman parte do contacto periódico que mantén a Xunta co sector para escoitar as súas necesidades e traballar de maneira conxunta na busca de solucións. Neste sentido, explicou que o obxectivo principal da reunión foi analizar, xunto cos representantes das confrarías, unha proposta de baremo para a concesión dos permisos de marisqueo a pé co fin de avanzar cara a un documento consensuado que dea cobertura ás distintas confrarías galegas.
A titular de Mar sinalou que o Goberno galego aposta por acordar co sector unha proposta definitiva que permita garantir un acceso equilibrado e ordenado á actividade, limando os aspectos que aínda están pendentes de concreción.
Durante o encontro, tamén se abordou o seguimento de parámetros, como a salinidade, que poden afectar ao estado dos bancos marisqueiros como consecuencia da elevada achega de auga doce derivada das choivas persistentes das últimas semanas. A responsable autonómica explicou que, aproveitando a presenza das federacións provinciais e da autonómica, analizouse conxuntamente a evolución previa dos bancos, a súa situación actual e as actuacións de seguimento que se están desenvolvendo.
Seguimento dos bancos
Neste sentido, Marta Villaverde destacou que os técnicos da Consellería do Mar están a realizar un control continuo dos principais parámetros ambientais que poden afectar ao recurso, como a temperatura, o pH ou a salinidade das augas, co obxectivo de avaliar os posibles riscos para a supervivencia e viabilidade dos moluscos.
A conselleira do Mar subliñou que, aínda que Galicia sempre rexistrou episodios prolongados de choiva, a intensidade e duración das precipitacións actuais obriga a manter unha especial vixilancia sobre os bancos marisqueiros. Por iso, explicou que a Xunta continuará monitorizando a súa evolución e compartindo os datos co sector para adoptar, de ser necesario, as medidas máis axeitadas.
A responsable autonómica avanzou ademais que a Consellería do Mar volverá reunirse coas confrarías unha vez se dispoña dunha avaliación máis completa da situación do recurso, co fin de analizar de maneira conxunta as actuacións que se poidan poñer en marcha.