Nova

Marta Villaverde destaca o labor social e humano do Apostolado do Mar na atención á xente do mar

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Villaverde salienta a importancia de reforzar a colaboración institucional para mellorar o benestar das tripulacións e profesionais marítimos

Esta entidade constitúe a maior rede mundial de apoio á xente do mar, con presenza en máis de 350 portos de 54 países

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 4 de febreiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo hoxe unha reunión con representantes do Apostolado do Mar (Stella Maris), encabezados polo bispo emérito de Tui-Vigo, Luis Quinteiro, recentemente elixido responsable mundial desta organización, para analizar vías de colaboración orientadas a reforzar a atención social, humana e asistencial ás persoas que traballan no ámbito marítimo.

O encontro celebrouse a bordo da patrulleira de altura de Gardacostas Mar de Galicia, onde a titular de Mar puxo en valor o labor que desenvolve esta entidade internacional na defensa dos dereitos e no acompañamento das tripulacións, especialmente en situacións de vulnerabilidade ou afastamento das súas familias. Stella Maris constitúe a maior rede mundial de apoio á xente do mar, con presenza en máis de 350 portos de 54 países, desenvolvendo accións de acompañamento social, asesoramento e asistencia ás tripulacións.

Villaverde subliñou o compromiso da Xunta coa mellora das condicións laborais e sociais da xente do mar, destacando a importancia de manter unha coordinación permanente con entidades que, como o Apostolado do Mar, realizan un traballo fundamental de apoio humano e social ás tripulacións, independentemente da súa nacionalidade ou situación persoal. Neste sentido, lembrou que a organización forma parte do Comité de Benestar Social do Porto de Vigo, onde desenvolve unha intensa actividade de atención e apoio aos profesionais marítimos que fan escala nestas instalacións portuarias.

Durante a xornada, as autoridades tamén visitaron as instalacións das patrulleiras Mar de Galicia e Irmáns García Nodal, onde coñeceron de primeira man os medios materiais e humanos cos que conta o Servizo de Gardacostas de Galicia para desenvolver labores de salvamento, vixilancia pesqueira, protección ambiental e seguridade marítima.

A conselleira salientou o papel estratéxico deste servizo público autonómico, referente en Europa, tanto na protección dos recursos mariños como na asistencia ás persoas que desenvolven a súa actividade profesional no mar, reforzando así a seguridade e sustentabilidade do sector marítimo-pesqueiro galego.

Imaxes relacionadas