Nova

A Xunta avanza no desenvolvemento do Plan de Cultura Marítima de Galicia 2030

Esta iniciativa contempla a execución dun cento de accións destinadas á posta en valor do legado patrimonial e cultural vinculado ao litoral galego

Villaverde destacou a importancia de preservar “esta riqueza que tamén xoga un papel moi relevante na diversificación e dinamización económica das zonas costeiras”

Santiago de Compostela, 5 de febreiro do 2026

A Consellería do Mar e a Universidade da Coruña seguen avanzando no desenvolvemento do Plan de Cultura Marítima de Galicia 2030 (Pcuma), que contempla a execución dun cento de accións destinadas á posta en valor do legado patrimonial e cultural vinculado aos oficios do mar.  A responsable autonómica, Marta Villaverde, e o director do plan, Óscar Fuertes, mantiveron este xoves unha reunión de seguimento na que compartiron o avance dos traballos. Precisamente, no mes de decembro o Consello da Xunta aprobaba a addenda  ao convenio asinado en 2021 coa UDC para o desenvolvemento deste Plan e a súa extensión ás illas galegas, o que eleva o investimento da Xunta ata os 314.844 euros.

Entre os traballos que se está a realizar, un dos mais relevantes é o censo do patrimonio marítimo inmoble coas testemuñas do patrimonio construído en relación aos oficios do mar existentes ao longo de toda a costa galega. Esta recompilación será presentada a finais de ano. A este respecto Villaverde puxo en valor a ampla variedade de bens inmobles e tamén de patrimonio inmaterial existentes en Galicia vinculados ao mar “é unha tarefa que debe implicar ao conxunto da sociedade, unha riqueza patrimonial, que tamén xoga un papel moi relevante na diversificación e dinamización económica das comunidades costeiras”.

Gracias á addenda firmada en decembro, o censo ampliarase aos elementos existentes nas illas Cíes, Ons, de Tambo, de San Simón, Cortegada, Lobeiras, Sisargas, de Sálvora e de Rúa.

Por outra banda, tamén se revisou os avances dos traballos para a posta en marcha dun xeoPortal para integrar, organizar e visualizar información xeográfica e patrimonial relativa ao litoral galego. Unha plataforma que permitirá non só visualizar os elementos inmobles do Censo, senón que tamén permitirá  realizar un percorrido virtual polas Áreas Nai, é dicir, polo espazos marítimos nos que o pasado industrial está en completa sintonía coa contorna e que manteñen a identidade e memoria do que foron no seu día.

Estas actuacións son parte dos principais horizontes de traballo que recolle o Pcuma do que a Consellería do Mar é a principal entidade impulsora. Desde o 2023 o desenvolvemento do mesmo incluíu tamén diversas iniciativas divulgativas como a presentación á cidadanía do seu contido, a través de recursos off line, mesas redondas, a edición dun libro impreso e on line, a creación dunha páxina web e a súa proxección nas redes sociais.

Ferramenta pioneira

Presentado pola Consellería do Mar a finais do ano 2023, o PCUMA configúrase como unha base sólida para traballar na misión de conservación da cultura marítima da comunidade, situándose así como unha ferramenta pioneira e innovadora da que non hai precedentes noutros territorios.