Nova

Mar mellora as condicións de traballo dos armadores de Cervo cun investimento de 365.000 euros

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Marta Villaverde visitou as obras recén executadas por Portos de Galicia en San Cibrao para renovar integralmente os 10 locais para o sector profesional

Cervo (Lugo), 7 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia investiu 365.000 euros na renovación integral dos locais de armadores que desenvolven a súa actividade no porto de San Cibrao, no municipio lucense de Cervo. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou esta tarde as obras, recén rematadas por Portos de Galicia para mellorar as condicións de traballo do sector profesional.

Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, comprobou os traballos executados tanto na estrutura como na envolvente dos tres edificios que acollen en total os dez locais. A conselleira destacou que a actuación permitiu mellorar a integración dos tres edificacións na contorna portuaria e reducir as necesidades de mantemento dos edificios, en beneficio dos usuarios que xa están a facer uso destes locais.

En concreto os traballos incluíron a restauración dos elementos de formigón armado deteriorados na estrutura aplicándoselle ademais material anticorrosivo para maior durabilidade. Tamén se conectaron todos os locais á rede de saneamento e instaláronse as arquetas correspondentes para o servizo.

Finalmente realizouse un tratamento específico para as humidades da envolvente, derivadas da diferenza de cota entre a fronte e a contrafronte dos edificios e renováronse as cubertas de todos os bloques empregando panel sandwiche e chapas de pizarra.

Reparación da nave de varada

Xunto coa obra dos departamentos, Portos de Galicia rematou recentemente tamén a reparación da nave de varada de San Cibrao. Esta actuación, que supuxo un investimento de 50.000 euros, supón a renovación da estrutura metálica da nave así como da cuberta.

Imaxes relacionadas