Nova

Villaverde aborda coa Confraría de Arcade a situación da anguía ante a proposta do Goberno central de declarala especie en perigo de extinción

1 de 1

Reiterou o compromiso da Xunta coa xestión sostible da anguía, baseado no control do esforzo pesqueiro, o seguimento científico continuo, a loita contra o furtivismo e a implicación activa do sector

Soutomaior (Pontevedra), 6 de febreiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse con representantes da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade, acompañados polo presidente da Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, José Rosas, para analizar a situación da pesca da anguía europea en Galicia ante a proposta de Ministerio para a Transición Exolóxica de declarala “en perigo de extinción”, o que abre a porta a prohibir a súa pesquería.

No encontro, a responsable autonómica escoitou as inquedanzas do sector e reiterou o compromiso da Xunta coa defensa dunha explotación responsable e sostible da anguía, unha actividade tradicional de gran relevancia socioeconómica para distintas confrarías galegas e especialmente para a de Arcade. Trátase dunha confraría altamente dependente da captura desta especie polo que, de concretarse, decisión tería  un impacto moi lesivo para a localidade.

Villaverde tamén lles trasladou que xa lle enviara sendas cartas á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) para que reconsidere a súa postura, e ao ministro Agricultura, Pesca e Alimentación para que se pronuncie e vele polos intereses do sector.

A conselleira do Mar puxo en valor o modelo de xestión aplicado en Galicia, baseado en plans específicos que regulan cotas, tamaños mínimos, número de embarcacións e períodos de veda co obxectivo de favorecer a recuperación da especie e garantir a súa sustentabilidade a longo prazo. Neste sentido, lembrou que a pesca profesional da anguía na comunidade autónoma desenvólvese  dentro dun marco regulatorio europeo e estatal que leva case dúas décadas funcionando e que contempla medidas restritivas adicionais como circunscribir a pesquería a exemplares adultos, a prohibición da pesca recreativa ou o control exhaustivo das capturas.

Marta Villaverde tamén trasladou ao sector que a Xunta continuará defendendo este sistema de coxestión responsable e colaborativa coa propia actividade pesqueira fronte a propostas que poidan xerar incerteza ou afectar á viabilidade económica das pesqueiras artesanais vinculadas a este recurso.

Imaxes relacionadas