Nova
Villaverde destaca o compromiso de Galicia coa sustentabilidade mariña e o desenvolvemento costeiro
A conselleira do Mar inaugurou o VII Workshop BPI, promovido pola FAO, e que se desenvolve ata o xoves en Vigo
Esta acción inclúese na iniciativa Portos Azuis, da que forma parte a Xunta, e que sitúa á comunidade como referente internacional na aplicación de políticas aliñadas coa ODS e a Axenda 2030
Vigo, 10 de febreiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destaca o compromiso de Galicia coa sustentabilidade mariña e o desenvolvemento costeiro no marco da inauguración do VII Worshop BPI, promovido pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), e incluída en Portos Azuis; iniciativa esta última da que forma parte a Xunta e que está destinada á transformación dos portos pesqueiros en motores de crecemento económico, social e medioambiental, a través da mellora da eficiencia operativa destas infraestruturas e da posta en marcha de prácticas inclusivas e sostibles que beneficien ás comunidades costeiras locais.
Así o puxo en valor a responsable autonómica, reafirmando con elo “a aposta do Goberno galego pola integración da actividade portuaria coa conservación ambiental, a economía azul e a mellora da calidade de vida das persoas que viven do mar”.
A conselleira destacaba, en consecuencia, a importancia da celebración deste tipo obradoiros, dado que permiten reforzar o intercambio de coñecemento e experiencias con outras rexións costeiras, favorecendo a innovación, a formación e a transferencia de boas prácticas no ámbito portuario e pesqueiro. Neste senso, anticipou que “desde a Consellería do Mar seguiremos traballando coa comunidade portuaria, o sector e os organismos internacionais para consolidar unha rede portuaria que combine competitividade, sustentabilidade e respecto polo medio mariño”.
Galicia, referente internacional
A través de Portos Azuis, Galicia sitúase como referente internacional na aplicación de políticas públicas aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) a Axenda 2030.
Concretamente, un total de 20 países colaboran para promover unha transformación do seus enfoques estratéxicos e operativos, e fano promovendo este tipo de actividades que, no caso do obradoiro inaugurado pola titular de Mar, se centra en comprender o proceso de deseño dos portos, baseándose nas necesidades e expectativas dos usuarios e integrando consideracións medioambientais.
Para elo, desde hoxe ata o xoves, utilizaranse como referencia diversos estudos de casos e realizarase unha visita de campo a peiraos de grande, mediano e pequeno tamaño, o que permitirá aos participantes recompilar leccións aprendidas e identificar oportunidades e mellores prácticas.
Neste percorrido destacan as visitas ás lonxas de Campelo e Tragove, nas que a Consellería do Mar investiu 650.000 e 1,4 millóns respectivamente para a renovación integral e modernización de instalacións. En ambos casos os asistentes poderán comprobar a distribución ordenada dos espazos da rula en función da súa actividade para unha maior eficiencia comercial e maiores garantías de calidade do produto.