Nova

A Xunta analiza coas confrarías da ría de Muros-Noia a situación dos bancos marisqueiros

1 de 2
2 de 2

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro mantén un encontro cos patróns maiores de Noia, Muros, Porto do Son e Portosín para coñecer de primeira man a evolución do recurso

Noia (A Coruña), 10 de febreiro do 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo hoxe unha reunión cos patróns maiores das confrarías de Noia, Muros, Porto do Son e Portosín co obxectivo de analizar a situación actual dos bancos marisqueiros da zona e avanzar na procura conxunta de solucións adaptadas ás necesidades do sector.

Durante o encontro, a responsable autonómica trasladou o compromiso do Goberno galego de continuar co contacto permanente cos profesionais do mar para coñecer de primeira man a evolución do recurso e valorar as actuacións que poidan contribuír á súa recuperación e sustentabilidade.

Neste sentido, lembrou que a pasada semana xa se celebrou en Santiago unha reunión coa participación da conselleira do Mar, Marta Villaverde, e representantes das federacións de confrarías, na que se abordou o seguimento da situación derivada dos episodios meteorolóxicos adversos rexistrados nas últimas semanas e o seu posible impacto nos bancos marisqueiros.

Seguimento continuo

A directora xeral explicou que a Consellería do Mar está a realizar un seguimento exhaustivo da evolución dos bancos a través dos sistemas de monitorización ambiental cos que conta a comunidade, que permiten analizar parámetros como a salinidade, temperatura, pH ou outras variables que inflúen na supervivencia e desenvolvemento dos moluscos bivalvos.

Este control técnico complétase co traballo do persoal investigador e dos servizos técnicos da Administración autonómica, que están avaliando, de maneira continua, a situación para anticipar posibles riscos e adoptar, de ser necesario, as medidas máis axeitadas para garantir a viabilidade do recurso e a actividade marisqueira.

Imaxes relacionadas