Nova
Villaverde destaca o liderado da industria conserveira galega en Europa, no que a muller xoga un papel determinante
A conselleira do Mar participou na presentación da reedición do libro As familias da conserva, que recolle a evolución do sector desde as súas orixes ata a actualidade
Vigo, 12 de febreiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na presentación da reedición do libro As familias da conserva, que tivo lugar este xoves en Vigo, e que pon en valor a historia, o esforzo e a tradición das xeracións que construíron un dos sectores estratéxicos de Galicia.
Na súa intervención, a responsable autonómica salientou o liderado desta actividade en Europa, así como a súa proxección a nivel mundial. “Falar da conserva é falar de identidade, de arraigamento e de milleiros de familias que, co seu traballo diario, contribuíron ao desenvolvemento económico e social das nosas vilas mariñeiras”. Un contexto no que o papel das mulleres, indicou, “foi o auténtico motor dun sector que forma parte do patrimonio industrial e cultural galego”.
A este respecto, Villaverde lembrou que a Xunta ten en marcha o Estatuto das Mulleres do Sector Marítimo-Pesqueiro de Galicia, un proxecto que, entre outras medidas, promoverá unha participación equilibrada de mulleres e homes na toma de decisión nos diversos ámbitos do sector, integrando a perspectiva de xénero interseccional, ao tempo que propiciará a conciliación e impulsará o asociacionismo feminino.
A obra, editada conxuntamente pola Deputación de Pontevedra, a Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar e Anfaco-Cytma, recolle testemuñas, imaxes e vivencias que reflicten a evolución do sector conserveiro desde as súas orixes ata a actualidade, amosando como tradición e innovación foron da man para consolidar Galicia como referente internacional na produción e comercialización de conservas de peixe e marisco.
Unha reedición, que incorpora catro novas sagas empresariais que non figuraban na publicación do 2011, e que permite dar continuidade, segundo destacou a conselleira, “ao recoñecemento da actividade marítimo-pesqueira, clave para a economía e a cohesión social da comunidade, definindo así unha estrutura empresarial” que, segundo aseverou , “seguirá contando co compromiso da Consellería do Mar, co fin de impulsar a súa modernización, sustentabilidade e competitividade”.