Nova

Villaverde insta ao Goberno central a facer unha fronte común coas comunidades autónomas para traballar por un fondo europeo específico para a pesca

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar demandou a elaboración dunha planificación sobre a que avanzar de xeito coordinado entre todas as administracións na defensa do fondo pesqueiro comunitario

Puxo en valor as emendas do Parlamento Europeo á proposta do Executivo comunitario que elevan o fondo específico para a pesca ata os 7.000 M€

O Goberno galego tece alianzas con outras rexións ante a intensificación das negociacións este semestre

Santiago de Compostela, 24 de febreiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, instou hoxe ao Goberno central a promover un fronte común co conxunto das comunidades autónomas para consensuar unha estratexia nacional sólida e coordinada en defensa dun fondo europeo específico para a pesca. Así o trasladou no primeiro encontro por videoconferencia do grupo de traballo das comunidades coa secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), no que se abordaron as implicacións que terá para o sector marítimo-pesqueiro o deseño do novo Marco Financeiro Plurianual (MFP) da Unión Europea para o período 2028-2034.

Durante a reunión, a titular de Mar subliñou a necesidade de avanzar dunha maneira planificada e anticipada neste proceso, de xeito que España acuda ás negociacións europeas cunha posición común que recolla as particularidades das rexións máis dependentes da pesca e da acuicultura. Neste sentido, advertiu de que a falta dunha folla de ruta compartida podería debilitar a defensa dos intereses do sector e comprometer a capacidade de Galicia para seguir desenvolvendo unha política pesqueira sostible e competitiva.

Nesta liña, salientou que “o obxectivo último é garantir un marco financeiro ambicioso, estable e suficiente” que permita dar continuidade á Política Pesqueira Común, apoiar a sustentabilidade económica, social e ambiental da actividade e facer fronte aos retos actuais, como a transición enerxética, a remuda xeracional ou a adaptación ás consecuencias do cambio climático.

A titular de Mar resaltou que as negociacións do novo marco financeiro intensificaranse ao longo deste primeiro semestre, polo que Galicia xa está a traballar na construción de alianzas con outras rexións europeas fortemente vencelladas á pesca e á acuicultura, como Bretaña, co fin de reforzar unha posición común que defenda un financiamento axeitado para o sector a nivel comunitario.

Neste contexto, Marta Villaverde valorou positivamente que o Parlamento Europeo introducise emendas á proposta inicial da Comisión Europea para elevar ata os 7.000 millóns de euros o fondo destinado á pesca, fronte á contía inicialmente prevista. Un movemento que, ao seu xuízo, evidencia que existe marxe política para mellorar a proposta e que reforza a necesidade de que España acuda a este proceso cunha postura clara e consensuada co territorio.

Posición de Galicia

No marco deste debate, a conselleira do Mar lembrou que a postura de Galicia respecto ao futuro Marco Financeiro Plurianual está recollida no ditame aprobado polo Consello Galego de Pesca, órgano no que están representados a Administración, o sector e os axentes sociais. Este documento advirte da necesidade de manter un fondo específico para a pesca, con recursos suficientes e unha estrutura adaptada ás necesidades reais do sector, fronte a posibles propostas de integración noutros instrumentos financeiros máis amplos, que resulten máis difíciles de obter.

O ditame tamén destaca que calquera reforma do financiamento europeo debe garantir a estabilidade das comunidades costeiras, a competitividade da cadea mar-industria e a capacidade do sector para afrontar os efectos do cambio climático e das esixencias normativas, reforzando así a posición de Galicia como referente no ámbito pesqueiro europeo. Marta Villaverde destacou que este ditame constitúe unha base técnica e sectorial sólida para defender os intereses do sector galego no debate europeo e insistiu na importancia de que o Goberno central teña en conta este posicionamento nas negociacións.

Imaxes relacionadas