Nova
Villaverde defende a adopción de medidas fronte ao novo episodio de baixa salinidade unha vez se dispoña do diagnóstico técnico da situación de cada banco
A responsable autonómica lembra o impacto xa rexistrado en decembro de 2023 e subliña que os datos actuais amosan un episodio excepcional pola intensidade e duración das choivas
Os datos recollidos polas estacións de control do Observatorio Costeiro de Galicia evidencian que o episodio actual presenta características excepcionais
Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, respondeu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a unha interpelación sobre a situación do marisqueo na ría de Muros e Noia, na que puxo en contexto os efectos dos recentes episodios de choiva intensa e explicou as actuacións que está a desenvolver a Xunta para avaliar o seu impacto real sobre os bancos marisqueiros.
Na súa intervención, a titular de Mar lembrou que Galicia xa viviu unha situación semellante en decembro de 2023, cando un período prolongado de precipitacións provocou tamén descensos acusados de salinidade nas rías, con afeccións sobre os recursos marisqueiros. Neste sentido, recordou que a Xunta foi a única administración que despregou medidas de apoio ao sector. Unha experiencia acumulada naquela campaña permite afrontar o escenario actual con maior coñecemento técnico e capacidade de resposta.
Villaverde explicou que os datos recollidos polas estacións de control do Observatorio Costeiro de Galicia evidencian que o episodio actual presenta características excepcionais, tanto pola intensidade como pola duración das choivas. Así, sinalou que en determinadas zonas do litoral galego se rexistraron valores de salinidade moi inferiores aos habituais durante varios días consecutivos, unha circunstancia que pode comprometer a supervivencia dos bivalvos máis sensibles a estes cambios ambientais.
A conselleira detallou que a Administración autonómica activou o seguimento técnico a través dos biólogos de zona e das asistencias técnicas das confrarías, cuxos traballos de mostraxe e análise xa están en marcha e se prolongarán durante as vindeiras semanas, co obxectivo de coñecer con precisión o alcance das afeccións banco a banco.
Villaverde insistiu en que resulta prematuro cuantificar danos ou anunciar medidas concretas adicionais. Non obstante, reiterou que a Xunta mantén un contacto permanente co sector, no marco dun modelo de cogobernanza, para analizar a evolución da situación e avanzar, cando haxa datos consolidados, no deseño das actuacións máis axeitadas de apoio ás persoas mariscadoras.
Apoio ao marisqueo
A responsable autonómica lembrou que o Goberno galego vén impulsando distintas liñas de apoio ao marisqueo orientadas á adaptación aos efectos do cambio climático, ao reforzo do coñecemento científico e á recuperación dos bancos. Ademais, destacou outras iniciativas impulsadas pola Consellería do Mar como a elaboración do Plan de Acción do Marisqueo 2031 ou o proxecto Partvib, capitaneado polo Centro de Investigacións Mariñas de Galicia, no marco do que se porá en funcionamento a hatchery do Vicedo.