Nova
Mar iniciará en primavera as dragaxes dos portos de Miño, Barallobre e Pontedeume cun investimento de 1,3 M€
A conselleira Marta Villaverde anunciou nunha visita á zona o próximo inicio das obras xa contratadas, que contan cun prazo de execución de 9 meses
Tamén unha reunión coa Confraría de Pescadores da localidade para abordar cuestións de interese para o sector
Miño (A Coruña), 26 de febreiro de 2026
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, iniciará na vindeira primavera as obras de dragaxe dos portos de Miño, Barallobre e Pontedeume, contratadas conxuntamente polas súas características similares e proximidade. Así o anunciou esta mañá a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, nunha visita ao peirao de Miño na que lembrou que a Xunta investirá nesta actuación conxunta 1,3 millóns de euros.
Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, indicou que os traballos comezarán polo porto miñense dadas as necesidades de incrementar calado que presenta esta instalación unha vez superados os meses de peores condicións climatolóxicas. Tal como explicou a conselleira, as obras atópanse xa contratadas por importe de 940.000 euros, aos que se suman 120.000 euros máis dos estudios ambientais previos e 235.000 do programa de vixilancia ambiental.
Marta Villaverde subliñou que os traballos permitirán recuperar os calados que mellorarán a operatividade das dársenas en condicións de seguridade. As obras terán un prazo de execución de 9 meses unha vez iniciadas. En total nos tres portos dragarase un volume total estimado en preto de 38.000 metros cúbicos de áridos. Para a execución das obras está previsto o emprego dunha draga de culler que transportará o material extraído ata o punto de vertedura en alta mar.
En concreto, no porto de Miño dragarase o interior da dársena ata a cota -1 metro. A superficie de dragaxe é de 8.000 metros cadrados e o volume estimado é de 15.000 metros cúbicos. O orzamento da actuación será de 413.000 euros.
Encontro coa Confraría
No marco da visita ao porto de Miño, a conselleira do Mar mantivo tamén unha reunión coa Confraría de Pescadores da localidade para abordar cuestións de interese para o sector, entre elas a situación dos bancos marisqueiros que xestiona o pósito, os condicionantes microbiolóxicos dalgunhas zonas de extracción e as posibles liñas de traballo conxuntas para mellorar a viabilidade da actividade. Marta Villaverde reiterou o compromiso da Xunta de Galicia co diálogo permanente co sector e coa busca de solucións coordinadas, apoiadas no coñecemento técnico e científico, que permitan avanzar na recuperación e sustentabilidade do marisqueo nesta zona do golfo Ártabro.