Nova
Gardacostas de Galicia reforza a formación na loita contra a contaminación mariña nunha xornada en Ribeira na que participou persoal doutros servizos
A xornada teórico-práctica permitiu mellorar a coordinación interadministrativa e a resposta operativa ante emerxencias ambientais no mar
Ribeira (A Coruña), 28 de febreiro do 2026
Gardacostas de Galicia desenvolveu no porto de Ribeira unha xornada de formación teórico-práctica sobre o despregamento de barreiras anticontaminación, no marco das actuacións que realiza como responsable da dirección do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL) e da coordinación das operacións no mar cando se activa dito plan.
Esta actividade formativa resulta esencial para afianzar os procedementos operativos, mellorar a capacidade de resposta ante episodios de contaminación e adestrar o persoal no uso de equipos, medios materiais e técnicos especializados, garantindo unha actuación eficaz e coordinada en situacións de emerxencia.
A xornada tivo un carácter especialmente relevante ao contar, por primeira vez, coa participación conxunta de efectivos doutras administracións e organismos públicos. Xunto aos axentes de Gardacostas da Unidade Operativa de Ribeira, participaron tamén profesionais da embarcación Salvamar Sargadelos de Salvamento Marítimo (Sasemar), da lancha de salvamento Hermes da Cruz Vermella do Mar e da policía portuaria de Portos de Galicia en Ribeira, reforzando así a interoperabilidade entre servizos.
Con este tipo de adestramentos, Gardacostas de Galicia consolida o seu compromiso coa prevención, preparación e resposta fronte á contaminación mariña, apostando pola coordinación interadministrativa como un elemento clave para a protección do medio mariño e da actividade marítimo-pesqueira.