Nova

Rueda reunirase en Bruxelas co comisario de Agricultura e Alimentación para defender os intereses do sector primario galego ante o tratado UE-Mercosur e o novo marco financeiro europeo

Icono cerrar

Declaracións do presidente da Xunta

1 de 2
2 de 2

Manterá unha xuntanza o martes co comisario para trasladarlle a posición da comunidade ante a entrada en vigor provisional do tratado e esixir que as salvagardas aprobadas polo Parlamento Europeo sexan activadas de maneira áxil e efectiva

Participará no pleno do Comité Europeo das Rexións para demandar un orzamento europeo máis descentralizado e con fondos suficientes para a PAC e a Política Pesqueira Común

Baiona (Pontevedra), 28 de febreiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a próxima semana reunirase en Bruxelas co comisario de Agricultura e Alimentación nunha viaxe institucional marcada pola preocupación do Goberno galego ante os retos que afronta o sector primario a nivel europeo.

O titular do Executivo autonómico trasladará, entre outras cuestións, a posición da comunidade ante a entrada en vigor provisional do tratado UE-Mercosur. Así, o martes 3 de marzo manterá unha xuntanza co comisario Christophe Hansen, a quen lle trasladará a postura común acordada en Galicia coas organizacións profesionais agrarias Asaga e Unións Agrarias sobre o acordo, pedindo salvagardas claras, áxiles e reforzadas para protexer un sector vital para Galicia e subliñando a importancia de garantir a competitividade e a seguridade xurídica dos produtores galegos.

O Parlamento Europeo xa deu luz verde ao regulamento específico de medidas de salvagarda vinculado a este acordo, que permite activar mecanismos de protección se se producen distorsións no mercado. Neste sentido, Rueda reclamou que se garanta o uso efectivo desta ferramenta sempre que sexa necesario para defender o sector primario galego. “É fundamental que todos os controis e todas as salvagardas funcionen desde o primeiro momento, tanto en orixe como nas nosas fronteiras”, declarou.

Ademais, tamén participará no pleno do Comité Europeo das Rexións -como fixo o pasado mes de decembro-, para demandar que o novo marco financeiro sexa máis descentralizado, teña ás rexións no centro, e dispoña de fondos específicos suficientes para a Política Agraria Común (PAC) e a Política Pesqueira Común (PPC).

O presidente insistiu en que Galicia non pode quedar á marxe nestes momentos clave e que a súa viaxe responde á necesidade de actuar como altofalante das demandas dos gandeiros, agricultores e mariñeiros galegos nas institucións onde se decide o seu futuro.

Imaxes relacionadas