Nova
Mar intensifica as mostraxes técnicas nos bancos marisqueiros afectados polos temporais para a toma de decisións co sector
Os rexistros, realizados polas confrarías en coordinación coa Consellería, enmárcanse no Plan de actuación ante eventos de baixa salinidade, deseñado polo CIMA e actualizado en febreiro
Permitirán cuantificar o impacto real na mortalidade do recurso e Villaverde confirma o seu mantemento nos vindeiros días
O Grove (Pontevedra), 2 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, supervisou hoxe os traballos de avaliación e mostraxe que se están a desenvolver no banco marisqueiro Vía Sur e Vía Norte, un dos máis afectados polos recentes temporais que impactaron no litoral galego, e que se enmarcan no Plan de actuación ante eventos de baixa salinidade, estruturado en fases técnicas e obxectivas, deseñado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente do departamento que dirixe Villaverde, e actualizado o pasado mes de febreiro.
Trátase dun procedemento rigoroso, contrastado e baseado en datos científicos, de carácter previo, “pero que é indispensable para garantir decisións xustificadas”, remarcou a conselleira.
Tal é que así que os datos recabados permitirán determinar con precisión o grao de afección e adoptar, se fose necesario, medidas específicas de apoio ao sector, como poden ser os ceses de actividade por causa de forza maior, determinar a duración dos peches e fundamentar outras accións, tanto de carácter administrativo como económico no caso de que os informes así o estimen convinte.
Os traballos son realizados polas asistencias técnicas da confrarías, en coordinación coa Consellería, empregando para elo a ferramenta tecnolóxica ARouSA. Este sistema determinará os índices de mortalidade severa (maior ou igual ao 50 % do berberecho e/ou ameixa babosa existente), e maior ou igual ao 15 % en ameixa fina ou xaponesa) e moderada (valores inferiores aos anteriores, pero con impacto relevante no banco).
Mostraxes simultáneas
Neste contexto, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, tamén supervisou os traballos de mostraxe que se están a desenvolver no banco marisqueiro de Croa, no ámbito da confraría de Pontedeume. Un labor que se repetiu ao longo desta xornada e nos vindeiros días noutros bancos marisqueiros das provincias da Coruña e Pontevedra, incluíndo zonas das rías de Arousa, Vigo, Pontevedra, Ares, Betanzos, Ferrol e O Burgo.
Este traballo continuado prolongarase durante as próximas semanas co obxectivo de dispoñer dunha visión global, precisa e comparada da afección nos distintos puntos do litoral.
O Executivo autonómico reafirma así o seu compromiso co sector marisqueiro e coa protección dun dos principais motores económicos e sociais do litoral galego. Con este obxectivo, a conselleira confirmou o mantemento nos vindeiros días do seguimento continuo da evolución de todos os bancos marisqueiros existentes na comunidade.