Nova
Mar e Fundación Nueva Pescanova converterán Galicia no epicentro do debate global sobre a pesca e a acuicultura sostibles co IV Sustainable Seafood
A conselleira, Marta Villaverde, asinou co presidente da entidade o convenio de colaboración para a organización do encontro que se celebrará en Vigo o 28 de abril
Santiago de Compostela, 2 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou este luns o convenio de colaboración coa Fundación Nueva Pescanova que permitirá o desenvolvemento do IV Global Sustainable Seafood Galicia Forum, e que volverá converter a comunidade no escaparate internacional da calidade e excelencia dos produtos do mar galegos.
O encontro celebrarase en Vigo o próximo 28 de abril. Será un punto de encontro no que se darán cita distintos axentes que operan no eido da transformación azul, desde a práctica da pesca e a acuicultura responsables, ata o seu impacto e a innovación científica e empresarial. De feito, a terceira edición contou coa participación de máis de 300 profesionais de 30 países.
O Goberno galego destina ao seu desenvolvemento 75.625 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), configurándose así como “unha oportunidade”, segundo destacou Villaverde, “para a busca de propostas que garantan a sostibilidade do peixe e marisco galegos nas súas tres vertentes: social, ambiental e económica, así como a súa proxección de cara ao exterior”. Un obxectivo, subliñou, que vai na liña da Estratexia de Economía Azul de Galicia, coa que a Xunta mobiliza 144 millóns de euros e que sitúa a comunidade como rexión punteira na protección dos ecosistemas do mar e no uso axeitado dos recursos para garantir o desenvolvemento económico a longo prazo.
O acordo reforza a colaboración institucional e contribúe, en paralelo, “a poñer en valor o coñecemento, a capacidade produtiva e o compromiso do sector co medio mariño”. Reafirma, continuou a conselleira, “o noso compromiso coa aposta por un modelo pesqueiro e acuícola baseado na sustentabilidade ambiental, na rendibilidade económica e na cohesión social das zonas costeiras, aliñado cos obxectivos europeos e internacionais en materia de desenvolvemento sostible”.