Nova

A Xunta avanza nas mostraxes nos bancos marisqueiros imprescindibles para o deseño e posta en marcha de posibles medidas de apoio ao sector

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

Desde onte xa se realizaron unha trintena de mostraxes nos bancos marisqueiros galegos máis afectados, ás que se sumarán novas actuacións nos vindeiros días ao longo de toda a costa, tanto na provincia da Coruña como na de Pontevedra

A conselleira do Mar reiterou que “a única forma de velar pola estabilidade do sector é coñecer con exactitude o estado de cada banco e adoptar as medidas axeitadas”, ao tempo que trasladou unha mensaxe de apoio e acompañamento aos profesionais

Rianxo (A Coruña), 3 de marzo do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, supervisou hoxe sobre o terreo os traballos de mostraxe que se están a desenvolver nos bancos marisqueiros da ría de Arousa co obxectivo de avaliar con rigor o impacto das intensas e continuadas precipitacións rexistradas desde xaneiro e a consecuente baixada da salinidade. Un labor imprescindible para o deseño e posta en marcha de posibles medidas de apoio ao sector.

A responsable autonómica visitou, nesta ocasión, a zona produtiva de Beluso, no municipio coruñés de Rianxo, onde lembrou que estas mostraxes, xa iniciadas a pasada semana, estanse a intensificar nestes días aproveitando as condicións de marea favorables. Uns traballos que están a ser realizados polos biólogos de zona da Consellería do Mar —que manteñen contacto permanente coas confrarías— en coordinación coas asistencias técnicas dos pósitos.

Marta Villaverde explicou que as mostraxes de outono reflectían unha situación estable nos bancos a pé con presenza de biomasa precomercial e densidades totais que apuntaban a unha dinámica biolóxica activa tras dous anos de intenso traballo de recuperación. A comparación daqueles resultados cos que se están a obter agora permitirá coñecer con precisión o estado real de cada banco, tendo en conta que cada ría e cada zona “constitúen ecosistemas vivos con comportamentos diferenciados”, asegurou.

Avaliación banco a banco

Desde onte xa se realizaron unha trintena de mostraxes nos bancos marisqueiros galegos máis afectados, ás que se sumarán novas actuacións nos vindeiros días ao longo de toda a costa, tanto na provincia da Coruña como na de Pontevedra, ata completar unha avaliación individualizada banco por banco.

 A conselleira subliñou que é precipitado anticipar conclusións globais e insistiu en que cada ría responde de maneira distinta en función da súa proximidade ás desembocaduras fluviais e ás variacións de salinidade rexistradas.

Neste sentido, recordou que o punto de partida da recuperación situábase nos anos 2023-2024, tras outro episodio de mortalidades elevadas que afectara ata o 90 % dos bancos con biomasa fundamentalmente precomercial. Foi tras dous anos de traballo intenso, tanto por parte da Consellería como do sector, cando nas mostraxes de outono comezaron a apreciarse resultados desa recuperación.

Agora, advertiu, en moitos bancos poderíase estar “volvendo case á casilla de saída”, polo que resulta imprescindible coñecer con exactitude a situación real antes de adoptar decisións e determinar as medidas máis adecuadas para axudar ao sector a recuperar a produtividade.

A conselleira reiterou que “a única forma de velar pola estabilidade do sector é coñecer con exactitude o estado de cada banco e adoptar as medidas axeitadas”, ao tempo que trasladou unha mensaxe de apoio e acompañamento aos profesionais nun momento que cualificou de complexo e que previsiblemente requirirá semanas e meses de traballo de coidado e rexeneración dos bancos marisqueiros.

Imaxes relacionadas