Nova

A Xunta e Clusaga renovan a colaboración para impulsar a innovación e a competitividade do sector marítimo e alimentario

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou o convenio que permitirá impulsar accións orientadas á valorización, promoción e internacionalización dos produtos en mercados estratéxicos

Santiago de Compostela, 3 de marzo do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou este martes un convenio de colaboración co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) co obxectivo de impulsar accións conxuntas orientadas a avanzar na innovación, internacionalización e mellora da competitividade do sector marítimo e alimentario galego.

Trátase, segundo destacou Villaverde, “de seguir afondando na consolidación de Galicia como rexión líder europea na produción pesqueira e acuícola”. Para iso, o acordo establece un marco de cooperación para o desenvolvemento de iniciativas centradas na valorización dos produtos do mar, a promoción da calidade diferenciada e o impulso de proxectos de I+D+i que favorezan a sustentabilidade e a transformación dixital da cadea mar-industria.

Durante o acto de sinatura, a titular de Mar destacou que “a colaboración público-privada é clave para seguir xerando valor engadido, abrir novos mercados e reforzar o posicionamento dos produtos galegos tanto a nivel nacional como internacional”.

Con esta finalidade, o convenio, dotado con 185.500 euros e financiado ao 50 % polas partes, contempla tamén o desenvolvemento de accións de innovación vinculadas á transformación e comercialización de produtos do mar, organización de xornadas técnicas e accións formativas para empresas do sector e Impulso de prácticas sostibles e economía circular na industria alimentaria mariña.

A conselleira subliñou que este acordo “contribúe a fortalecer a conexión entre o sector primario e a industria transformadora, garantindo unha cadea de valor máis eficiente, sostible e competitiva”, reafirmándose así o compromiso da Xunta coa modernización do sector marítimo-pesqueiro e, dun xeito máis preciso, co elo da produción e transformación de alimentos de alta calidade.

Imaxes relacionadas