Nova
Mar explica a autorización de captación de mexilla en Noia como unha tramitación ordinaria dentro da xestión da acuicultura
Isaac Rosón puxo en valor o papel da Comisión do Mexillón como órgano “de moi alto valor para a Consellería”, e anunciou a convocatoria da mesma para este mes
Santiago de Compostela, 3 de marzo do 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, explicou esta martes que a autorización de colocar dispositivos de captación de mexilla no polígono de Noia responde a unha tramitación ordinaria que se enmarca dentro da normativa de xestión da acuicultura en Galicia.
A este respecto indicou que, mentres non existan cambios normativos que indiquen modificacións nas tipoloxías de concesión ou mesmo na maneira de proceder, a Administración está na obriga de cursar calquera solicitude de concesión experimental, independentemente do resultado da mesma, tendo en conta tamén o rigoroso criterio científico técnico que xustifique a necesidade de realizar probas ou experimentos dos que se poidan extraer resultados de relevancia e ampla aplicación futura do sector.
Neste senso, detallou ademais que, por deber de confidencialidade e protección de datos, non poden ser elevados a órganos consultivos os proxectos de iniciativa privada cando a norma non o recolla expresamente, posto que podería poñerse en risco o segredo industrial ou tecnolóxico das persoas promotoras das iniciativas.
Comisión do Mexillón
A este respecto, Rosón puxo en valor o papel de Comisión do Mexilón como órgano “de moi alto valor para a Consellería do Mar”, e que se pretende activar “como mínimo as catro veces anuais de convocatoria ordinaria e todas cantas fagan falta, sempre que a súa convocatoria extraordinaria responda a necesidades sectoriais ou que sexa solicitada polo número mínimo de integrantes requiridos polo regulamento de funcionamento, de cara a garantir que os temas tratados nela sexan de interese para o sector, e que non atenden a intereses ou solicitudes individuais”.
Neste contexto, anticipou a súa convocatoria para este mes, na que se presentará co fin de que estas propostas “sexan o máis eficientes posible”. Unha acción que, segundo destacou o director xeral, amosa “o firme compromiso da Xunta co diálogo sectorial”.