Nova

Villaverde continúa na ría de Pontevedra a supervisión das mostraxes dos bancos marisqueiros para avaliar o impacto da baixa salinidade

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira do Mar asistiu en Combarro aos traballos dos biólogos de zona e asistencias técnicas e comproba en Campelo a evolución da actividade extractiva

Esta semana xa se realizaron máis da metade das mostraxes previstas nas zonas produtivas máis afectadas co obxectivo de coñecer con detalle o estado dos bancos

A responsable autonómica continúa visitando as praias con actividade marisqueira para trasladar o apoio e acompañamento do Goberno galego ao sector

Poio (Pontevedra), 4 de marzo do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, supervisou esta mañá os traballos de mostraxe que se están a realizar no banco marisqueiro de Combarro, na ría de Pontevedra, co obxectivo de avaliar con rigor científico o impacto que puideron ter os episodios de fortes choivas prolongadas e a consecuente baixada da salinidade nas rías galegas.

Estas análises están sendo realizadas polos biólogos de zona da Consellería do Mar en colaboración coas asistencias técnicas das confrarías e permitirán comparar os resultados actuais cos datos obtidos nas campañas de avaliación realizadas no outono pasado que reflectían unha evolución positiva na maior parte dos bancos marisqueiros, con presenza de abundante biomasa de talla precomercial.

Desde o inicio desta semana xa se realizaron máis da metade das mostraxes programadas nos distintos bancos marisqueiros das rías galegas, que seguirán mañá, dentro do intenso operativo de avaliación que a Xunta está a desenvolver ao longo de toda a costa galega. A conselleira do Mar destacou que o obxectivo do Goberno galego é acompañar e apoiar ao sector neste proceso. “A única forma de velar pola estabilidade do sector é coñecer o estado real de cada banco e tomar as medidas axeitadas para recuperar a súa produtividade”, sinalou.

Actividade extractiva en Campelo

Durante a súa visita á ría de Pontevedra, Marta Villaverde tamén se achegou ao banco marisqueiro de Campelo, onde puido comprobar, de primeira man, como estaban traballando as mariscadoras nesa zona.

Segundo trasladaron as propias profesionais e os técnicos que seguen a evolución do recurso, a percepción inicial é que o impacto da baixada de salinidade nese banco podería ser menor do que se agardaba, aínda que a responsable autonómica insistiu na necesidade de actuar con prudencia ata contar cos resultados das análises científicas.

Na xornada de hoxe, a actividade extractiva en Campelo desenvolveuse con topes de captura de cinco quilogramos de ameixa xaponesa e medio quilogramo de ameixa fina por persoa, o que permitiu retomar parcialmente o traballo.

Imaxes relacionadas