Nova
Villaverde reúnese con Anmupesca dentro da escoita activa co sector
Santiago de Compostela, 4 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse este mércores coa Asociación Nacional de Mulleres de Pesca (Anmupesca), co fin de escoitar as súas necesidades e establecer posibles sinerxias que afonden na posta en valor do traballo que desenvolve este colectivo en prol da igualdade de oportunidades e da visibilización das traballadoras do mar na actividade marítimo-pesqueira.
A responsable autonómica destacou o compromiso da Xunta a este respecto, subliñando que “o papel das mulleres é fundamental para garantir o futuro do mar”. Neste sentido, puxo en valor as diferentes liñas de axuda activas destinadas á modernización, á innovación e á profesionalización do sector e trasladou a importancia de seguir traballando de maneira coordinada entre Administración, sector e asociacións para afrontar retos futuros que permitan fortalecer o tecido produtivo e social vinculado ao mar.