Nova
A Xunta conclúe este venres as mostraxes nos bancos marisqueiros da ría de Vigo para recompilar datos sobre o impacto dos temporais nas zonas produtivas
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro resaltou que estes traballos permitirán comparar os resultados cos datos de outono para determinar posibles mortalidades tras a baixada de salinidade nas rías
Vigo, 5 de marzo do 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, supervisou hoxe os traballos de mostraxe que se están a realizar no banco marisqueiro de Areiño, en Vigo, co obxectivo de avaliar o posible impacto dos temporais e da consecuente baixada de salinidade nas rías galegas.
Estas análises, realizadas polos biólogos de zona da Consellería do Mar e as asistencias técnicas das confrarías, forman parte da campaña extraordinaria de avaliación que a Xunta está a desenvolver nas últimas semanas en distintos bancos marisqueiros de Galicia para coñecer con precisión o estado do recurso tras os episodios meteorolóxicos rexistrados a comezos de ano.
Durante a visita, a directora xeral destacou a importancia destas tomas de mostras para contar con datos científicos que permitan determinar con rigor o grao de afectación dos bancos, xa que os resultados obtidos serán comparados cos datos das mostraxes realizadas no outono de 2025.
Precisamente esas mostraxes previas apuntaban a unha evolución favorable dos bancos, cunha presenza relevante de biomasa de talla precomercial que facía prever unha progresiva recuperación da produción nos próximos meses. No caso do banco de Areiño, os últimos datos dispoñibles das mostraxes de outono reflectían a presenza de distintas especies de bivalvos como ameixa babosa, ameixa fina ou berberecho.
A Consellería do Mar continuará nos próximos días co desenvolvemento destas campañas de mostraxe en distintos puntos da costa galega, co obxectivo de obter unha radiografía completa da situación dos bancos marisqueiros que permita adoptar as medidas máis axeitadas para favorecer a recuperación da actividade.