Nova
Villaverde aborda coa confraría de Ferrol os últimos investimentos realizados no pósito coas axudas da Xunta
Ferrol, 5 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse coa confraría de Ferrol no marco dunha xuntanza que serviu para avaliar os últimos investimentos realizados neste pósito, e que permitiron aumentar a eficacia no desenvolvemento da actividade que presta. Concretamente, no 2025, a Xunta achegou a esta entidade pesqueira máis de 500.000 euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Un esforzo inversor que contribuíu a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal e permitiu a mellora da lonxa e da fábrica de xeo, así como a adquisición de novas dotacións e equipos.
Villaverde tamén se interesou polas necesidades desta agrupación, co fin de establecer futuras vías de colaboración que afonden na comercialización dos produtos da ría. A lonxa ferrolá rexistrou o pasado ano unha facturación superior ao millón de euros, correspondentes á venda de máis de 87.900 quilos de peixe e marisco, principalmente vieira, navalla e carneiro.