Nova

Mar e as confrarías acordan a apertura do libre marisqueo en sada a partir do vindeiro luns

1 de 2
2 de 2

A decisión está sustentada nos informes técnicos relativos ao estado do recurso e no marco do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira e marisqueira en Galicia

Santiago de Compostela, 5 de marzo do 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez mantivo hoxe un novo encontro telemático con representantes das confrarías da zona VII para abordar a apertura do libre marisqueo no ámbito de Sada, que se iniciará a partir do vindeiro luns 9 de marzo e ata o 31 deste mes.

Esta decisión prodúcese despois da avaliación técnica realizada nos bancos marisqueiros da zona, que confirmou a presenza de recurso suficiente para permitir a actividade extractiva. Deste xeito, estableceuse un tope de 6 quilos para babosa, fronte aos 8 quilos da pasada campaña de Nadal, 2 quilos de ameixa rubia e 1 quilo de cornicha, dúas especies que non foron capturadas en decembro.

Segundo os datos recollidos nas mostraxes realizadas no banco de libre marisqueo de Sada, a avaliación do stock revela a presenza de biomasa e densidades que permiten considerar viable a actividade extractiva. A análise realizada indica a presenza de exemplares en talla comercial de especies como a ameixa babosa e de ameixa rubia que permiten a explotación do recurso de maneira controlada. 

Ángeles V. Suárez subliña que esta decisión se adopta no marco do modelo de cogobernanza que caracteriza a xestión pesqueira e marisqueira en Galicia, baseado na colaboración entre a administración e o propio sector. Neste sentido, a apertura do banco acordarase coas confrarías implicadas tras analizar de maneira conxunta os informes técnicos e valorar tamén aspectos ambientais, sociais e económicos vinculados á actividade.

Deste xeito, búscase garantir unha explotación sostible do recurso ao tempo que se facilita a actividade profesional das mariscadoras e mariscadores da zona, adaptando as decisións de xestión á realidade de cada banco marisqueiro e ás condicións do ecosistema en cada momento.

Imaxes relacionadas