Nova

Villaverde avanza para os vindeiros días os primeiros resultados das mostraxes nos bancos marisqueiros cos que avaliar o impacto dos temporais

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A conselleira do Mar puxo en valor o esforzo das persoas biólogas de zona e asistencias técnicas das confrarías que están a facer posible a execución dos traballos

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 6 de marzo do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo en valor o avance dos traballos de mostraxe no marco da campaña extraordinaria de análises do estado do recurso nos bancos marisqueiros das rías galegas, e avanzou que “xa nos vindeiros días” contaremos cos primeiros resultados deses traballos.

Así, destacou que nesta xornada de venres realizáronse 14 novas tomas de mostras, que se suman ás realizadas ao longo de toda a semana para rematar de avaliar o impacto que as intensas choivas e a conseguinte baixada de salinidade puideron ter sobre as poboacións de bivalvos.

A responsable autonómica fixo estas manifestacións mentres supervisaba os traballos no banco marisqueiro das Sinas, en Vilanova de Arousa, onde puxo en valor o esforzo realizado polas persoas biólogas de zona da Consellería do Mar e as asistencias técnicas das confrarías, que fixeron posible a súa áxil execución. Un labor que concluirá coa realización das derradeiras mostraxes en zonas produtivas deste municipio pontevedrés, en canto as mareas o permitan. 

Marta Villaverde recordou que as últimas avaliacións realizadas no outono de 2025 presentaban un escenario favorable, con niveis positivos de biomasa e densidade de poboacións de bivalvos, antes dos episodios meteorolóxicos recentes. Nesta liña, destacou que cada banco marisqueiro constitúe un ecosistema dinámico con características propias, polo que a valoración do impacto das baixadas de salinidade debe realizarse de maneira individualizada en cada zona produtiva.

A titular de Mar lembrou que cando se complete o mapa da situación, e sempre en diálogo directo co sector, valoraranse as medidas máis axeitadas que permitan favorecer a recuperación da actividade marisqueira nas rías galegas.

Mostraxes en Cabo de Cruz

Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, tamén supervisou os traballos de mostraxe que se realizaron hoxe no banco marisqueiro de Mañóns, en Cabo de Cruz (Boiro). Alí trasladou o apoio e acompañamento do Goberno galego ao sector fronte aos efectos dos temporais que impediron completar a tendencia á recuperación que se viña rexistrando en boa parte das zonas produtivas.

Imaxes relacionadas