Nova

Villaverde destaca o compromiso da Xunta coa igualdade e o talento feminino a través do impulso do Estatuto da muller do sector marítimo-pesqueiro

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O proxecto de Decreto atópase na fase de análise das propostas presentadas polos distintos colectivos no marco do proceso de información pública e afondará no recoñecemento das profesionais do mar

Na actualidade, unhas 4.000 mulleres traballan directamente no mar, das que 700 traballan na pesca extractiva, máis de 1.100 en acuicultura e máis de 2.200 no marisqueo a pé

Marín (Pontevedra), 6 de marzo do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este venres na presentación do III certame artístico Mulleres do mar, inspiradoras da arte, organizado pola Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín  (Opromar), unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) que rende homenaxe ao papel das traballadoras no sector marítimo-pesqueiro galego, coincidindo  tamén coa celebración do 8M, e que pon en valor a súa contribución social, económica e cultural ao longo das xeracións.

Durante a súa intervención, Villaverde destacou que as mulleres vinculadas á actividade marítima “son Galicia Calidade, representando un piar esencial das comunidades costeiras”. Neste senso, incidiu no importante traballo desenvolvido por mariscadoras, redeiras, percebeiras, traballadoras da industria transformadora e profesionais doutros ámbitos vinculados ao mar. Un esforzo e un labor que desde a Xunta se quere reforzar co Estatuto das Mulleres do Sector Marítimo-Pesqueiro e que afondará no compromiso coa igualdade e coa promoción do talento feminino neste sector, así como no apoio ás entidades implicadas no recoñecemento destas profesionais.

Na actualidade, tal e como detallou a conselleira, o proxecto de Decreto está na fase de análise das achegas recibidas durante o proceso de información pública. O obxectivo, indicou, “é que o Estatuto dea resposta ás suxestións e propostas expostas, froito tamén do consenso e o diálogo que debe existir entre Administración a sociedade”.

O certame desta terceira edición, e cuxa madriña é a artista Xoana Almar, propón unha mirada artística sobre a realidade destas profesionais a través de diferentes obras que capturan a súa relación co litoral, co traballo e a cultura mariñeira. A finalidade dos seus promotores é achegar ao público a dimensión humana e social deste colectivo que historicamente sostivo unha parte esencial da economía das localidades asentadas no litoral galego.

Actualmente, preto de 4.000 mulleres traballan directamente no mar. Delas, 700 traballan na área da pesca extractiva, máis de 1.100 na acuicultura e máis de 2.200 no marisqueo a pé. No réxime da industria e comercialización, as mulleres representan o 48,6 % e, no caso da representación directiva nas confrarías, das 63 existentes, 4 están lideradas por mulleres.

Imaxes relacionadas