Nova
Villaverde analiza co alcalde de Porto do Son o apoio económico de mar para o impulso do sector pesqueiro
Santiago de Compostela, 9 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse este luns co alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, no marco da escoita activa que mantén co sector e cos representantes institucionais das rexións costeiras, co obxectivo de seguir tecendo alianzas que revertan no impulso da actividade marítimo-pesqueira e, en paralelo, no desenvolvemento socioeconómico dos concellos do litoral galego.
Deste xeito, no transcurso do encontro, os dous dirixentes fixeron un repaso dos últimos investimentos acometidos co apoio da Xunta, entre os que destaca a mellora do dique de abrigo e ampliación da capacidade de atraque no peirao de Portosín. A esta actuación, dotada con máis de 2,1 millóns de euros, e que se atopa en execución nestes momentos, a Administración autonómica, a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), achega o 70 % do importe total; é dicir, case 1,8 millóns.
O proxecto comprende a construción dunha plataforma flotante de formigón para 17 embarcacións pesqueiras e un dique de 120 para o seu refuxio. Deste xeito, o novo molle situarase na zona da nave de redes. Para mellorar o acceso e manobra das mesmas, acometerase a dragaxe de 400 metros cúbicos de rocha. Tamén abordaron as obras de acondicionamento da nave de redeiras de Porto do Son, coa finalidade de mellorar as condicións de traballo das profesionais.