Nova
Villaverde inaugura a II edición do programa educativo ‘Capitán Mareas’ para promover o consumo de peixe na poboación infantil
A conselleira do Mar inaugurou a iniciativa, promovida por Vegalsa- Eroski , e que se desenvolverá de marzo a maio en 13 lonxas de Galicia e de Asturias
Inclúe o desenvolvemento de 25 talleres formativos, en colaboración cos GALP e as confrarías
Ribeira (A Coruña), 10 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou este martes en Ribeira xunto co director xeral de Vegalsa-Eroski, José Manuel Ferreño, a segunda edición do Capitán Mareas, o programa educativo desta firma de alimentación, que procura fomentar o consumo dos produtos do mar entre os rapaces de 8 a 12 anos e dar a coñecer a actividade pesqueira local.
Así, desde marzo a maio, impartiranse 25 talleres en 13 lonxas, 11 galegas e 2 asturianas. Deste xeito, ademais da rula de Ribeira, estas iniciativas levaranse a cabo nas de Malpica, Laxe, Burela, Fene, Ferrol, Fisterra, Sada, Baiona, Cangas e más asturianas de Avilés e Puerto de Vega.
Para o desenvolvemento de cada acción formativa contarase coa colaboración dos nove Grupos de Acción Local Participativo (GALP) e das confrarías correspondentes. No marco das mesmas, os escolares coñecerán os testemuños do patrón maior e mariscadoras que lles explicarán o seu traballo diario no mar, as artes de pesca da zona e as propiedades dos produtos de tempada. Tamén terán a oportunidade de coñecer, de primeira man, o funcionamento dunha poxa, dentro da visita á lonxa, sendo unha das actividades máis destacadas e que máis atrae a atención dos escolares.
250 estudantes e 9 colexios
Con esta actuación, o departamento que dirixe Villaverde dá continuidade ao seu compromiso coa sensibilización e fomento da introdución dos produtos do mar nos hábitos de vida saudables.
A primeira edición logrou involucrar a 250 escolares de 9 centros educativos. O proxecto naceu coa misión estratéxica de reverter a caída no consumo de peixe e marisco entre os máis novos, poñendo en valor o sector pesqueiro local e as propiedades destes alimentos para a salubridade, a través do contacto directo coa contorna mariña.